COGAMI impulsa a inserción laboral das persoas con discapacidade con cursos na Coruña, Ourense, Santiago, Vigo e Ferrol

GaliciaXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A iniciativa busca fomentar a capacitación práctica entre as persoas con discapacidade ou con maiores dificultades de acceso ao emprego
curso-cogami-ourense
12 Nov 2025

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) desenvolve novos cursos de Accións Formativas para Desempregados (AFD) en diferentes cidades galegas, co obxectivo de mellorar a cualificación profesional das persoas participantes e facilitar a súa inserción no mercado laboral. Estas accións están cofinanciadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

En Ourense, Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, COGAMI leva a cabo o curso de Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, que se desenvolverá ata o 5 de marzo de 2026, cun total de 508 horas, das cales 108 son de prácticas en empresas.

En Ourense, o curso conta con 10 persoas participantes (7 mulleres e 3 homes) procedentes de concellos como Ourense, Barbadás, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz e San Cibrao das Viñas. En Ferrol, participan 15 persoas (9 mulleres e 6 homes) de Mugardos, Narón, Ferrol, Fene e Pontedeume. Pola súa parte, en A Coruña, o grupo está formado por 15 persoas (11 mulleres e 4 homes) dos concellos da Coruña, Cambre, Bergondo, Culleredo, Arteixo, Sada e Carballo. En Santiago, participan 14 persoas (10 mulleres e 4 homes) de distintos concellos da área compostelá —Santiago, Ames, Vedra, Teo, Oroso, Tordoia e Negreira— cunha franxa de idade entre os 25 e 50 anos.

Pola súa banda, en Vigo impártese o curso de Actividades de xestión administrativa, que se prolongará ata o 28 de xullo de 2026. A formación ten unha duración total de 958 horas, das cales 220 se destinan a prácticas en empresas. Participan 14 persoas (10 mulleres e 4 homes) dos concellos de Vigo, Baiona, Mos e Tui. O programa permite acadar un certificado de profesionalidade de nivel 2 e inclúe contidos sobre atención á clientela, xestión comercial, contabilidade, prevención de riscos laborais e ofimática.

A través destas accións formativas, COGAMI busca reforzar a inclusión laboral das persoas con discapacidade ou con maiores dificultades de acceso ao emprego, ofrecendo unha capacitación práctica que combina formación teórica e experiencia en empresas para favorecer a súa incorporación ao mercado de traballo.

⚙ Configurar cookies
0.068091869354248