COGAMI Ourense pon en marcha novos cursos para mellorar a inserción laborar das persoas con discapacidade

OurenseXa
As actividades están dirixidas a colectivos con maiores dificultades de acceso ao emprego co fin de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación, a participación activa e a mellora da empregabilidade
curso-cogami-ourense
18 Mar 2026

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia en Ourense unha serie de cursos de capacitación laboral orientados a mellorar a inserción no mercado de traballo de persoas desempregadas con certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a súa profesión habitual.

Estas accións forman parte do programa Máis Emprego, financiado por Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus, e están pensadas para colectivos con maiores dificultades de acceso ao emprego, co obxectivo de “promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación, a participación activa e a mellora da empregabilidade, fomentando a inclusión activa a través do deseño de itinerarios integrados de inserción sociolaboral”.

Actualmente, un total de 10 participantes —7 mulleres e 3 homes— iniciaron un curso de formación en técnicas de venda e orientación á clientela. Os alumnos proceden de distintos municipios da provincia, entre eles Allariz, Barbadás, Ourense, Vilamarín, Castrelo de Miño e Taboadela. O curso, con 50 horas de duración, impártese en horario de 9:00 a 14:00 horas e rematará o 27 de marzo, buscando dotar ao alumnado de habilidades para a venda en diferentes contornas laborais, proporcionar unha visión completa da clientela dun negocio e ensinar nocións básicas de ferramentas para fidelización e atención.

Ademais, COGAMI está a organizar tamén a programación do primeiro semestre, en colaboración con varios centros de formación da cidade. Neste marco, as áreas profesionais que se impartirán inclúen: Técnicas de venda e orientación á clientela (50 horas), Profesional loxístico de última milla (80 horas), Control de accesos (20 horas), Limpeza en instalacións (40 horas), Conserxería e xestión de instalacións (50 horas) e Axente polivalente de almacén con carretilla elevadora (35 horas).

Os cursos están destinados a persoas desempregadas que conten co certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual. Estas formacións buscan mellorar as oportunidades de acceso ao mercado laboral e reforzar a igualdade de oportunidades para as persoas con discapacidade. As persoas interesadas poden contactar coa oficina de COGAMI en Ourense a través do correo silourense@cogami.gal ou chamando ao teléfono 988 246 057.

0.12231492996216