COGAMI reforza a colaboración con sete concellos ourensáns para impulsar a inclusión de persoas con discapacidade

OurenseXa
As accións realizáronse cos equipos municipais de servizos sociais en Toén, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar, Taboadela, Coles, San Cibrao das Viñas e Barbadás
cogami-xuntanza-pereiro
23 Feb 2026

Profesionais de COGAMI visitaron durante xaneiro e febreiro varios municipios da provincia de Ourense para presentar os programas e recursos da entidade destinados a fomentar a autonomía, participación e inclusión das persoas con discapacidade. As visitas incluíron reunións cos equipos municipais de servizos sociais nos concellos de Toén, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar, Taboadela, Coles, San Cibrao das Viñas e Barbadás.

Durante estes encontros, os profesionais de COGAMI deron a coñecer os servizos de emprego, formación, información, asesoramento e orientación, así como os programas de Promoción da Autonomía Personal. Ademais, presentouse o programa Más Empleo, dirixido a persoas con certificado de discapacidade ou incapacidade laboral e desenvolvido na provincia co apoio da Fundación "la Caixa", co obxectivo de facilitar a derivación de posibles participantes desde os servizos sociais municipais.

A ronda de reunións comezou no Concello de Toén, onde o orientador laboral Carlos Vázquez e o técnico de inserción David da Cal se reuniron coa traballadora social municipal, Esther Pérez. Posteriormente, mantiveron un encontro coa traballadora social de Paderne de Allariz, Mª Teresa Dopazo.

En Pereiro de Aguiar, a traballadora social Eva Vázquez e David da Cal reuníronse coa coordinadora de servizos sociais, Ana Isabel Labrador; co traballador social Brais Rúas, a pedagoga Ana Gómez e a educadora social Tania Mª Pérez. En Taboadela, os encontros realizaronse coas traballadoras sociais María Isabel Delgado e Nerea Paula Rodríguez; mentres que en Coles reuníronse co traballador social Héctor González e coa traballadora social do SAF, Mercedes Moreiras. En San Cibrao das Viñas, Eva Vázquez e a técnica de inserción Ana Díaz mantiveron un encontro coa traballadora social municipal María Pérez.

A ronda finalizou en Barbadás, onde participaron o concelleiro de Servizos Sociais, Daniel Rey; a traballadora social Maribel Rodríguez; a orientadora laboral Paula Plaza; e a técnica de inclusión sociolaboral Sonia Piña.

En todos os municipios abordáronse posibles liñas de colaboración para favorecer a participación social e a inclusión das persoas con discapacidade. Estes encontros enmárcanse na estratexia de COGAMI na provincia de Ourense para abrir novas vías de cooperación institucional e reforzar o traballo en rede no ámbito local.

0.084237813949585