COINTEGA presenta en Ourense unha estratexia baseada na innovación para impulsar o futuro do téxtil galego

O Clúster Galego Téxtil Moda (COINTEGA) presentou esta mañá en Ourense as liñas estratéxicas a seguir para impulsar o futuro do téxtil galego, centradas no compromiso coa modernización, sustentabilidade e competitividade, nun sector clave para a comunidade.
Desde COINTEGA salientan que o recente recoñecemento do sector téxtil como estratéxico para a economía galega por parte do Consello da Xunta marca un fito na historia da moda galega. Un respaldo institucional que, aseguran, permitirá avanzar decididamente no deseño do Plan Director da Industria Téxtil de Galicia, documento clave para definir os desafíos e prioridades de futuro do sector.
Para reforzar o diálogo e a acción sectorial, COINTEGA creará Círculos de Traballo, espazos colaborativos onde empresas, centros tecnolóxicos e axentes sociais debaterán e definirán accións estratéxicas en áreas como innovación, sustentabilidade, internacionalización e emprego. Estes foros teñen como obxectivo aliñar intereses, identificar oportunidades e activar mecanismos efectivos de cooperación.
Por outra banda, COINTEGA asinou recentemente un convenio estratéxico co Clúster Saúde de Galicia, co obxectivo de apostar pola diversificación e a colaboración intersectorial. O acordo busca desenvolver téxtiles sanitarios innovadores, sostibles e de alta calidade, priorizando o uso de fibras biocompatibles e materiais biodegradables. Ademais, o convenio inclúe o impulso de proxectos de I+D+i, a creación de grupos de traballo mixtos e o apoio á internacionalización das empresas galegas.
Outra das liñas estratéxicas será fomentar a formación e o emprendemento, que desde o Clúster consideran piares fundamentais para o futuro do sector. Nesta liña, desenvolveranse programas para potenciar o talento novo, o acceso a formación especializada e a creación de novas marcas emerxentes, ademais de promover o relevo xeracional mediante a colaboración con escolas de deseño, universidades e centros de formación profesional.
Por último, baixo a premisa de “volver á orixe”, COINTEGA buscará recuperar e poñer en valor técnicas, oficios e saberes tradicionais para fomentar a identidade téxtil galega e o seu vínculo co territorio.