Comeza a "Semana Santa ao Vivo" de Allariz

OurenseXa
O casco histórico de Allariz encherase de música ata o próximo domingo, 31 de marzo
semana_san_ao_vivo_allariz
Semana Santa ao Vivo, Allariz
28 Mar 2024

A música ao vivo terá, como é habitual, un protagonismo especial na programación da Semana Santa ao Vivo en Allariz, que celebra a partir deste xoves, 28 de marzo, cunha nova edición.

O casco histórico encherase de ritmo ata o próximo domingo, 31 de marzo, grazas ás actuacións de rúa de Elos, Noite, Eric Lepeich, Denis Carballás, Minguante, Alexandre Cabanelas e Diego Mosquera, Perrito Piloto, Piratas Sen Parche, Sanny, Dama Azul, Os Dous Porquiños e Big South.

Dende o xoves 28  ao domingo 31 tanto veciños e veciñas como as persoas que visiten Allariz poderán gozar destas actuacións en horario de 12.00 a 14.00 y de 18.00 a 20.00 horas.

“Este ano repetiremos o formato de dúas xornadas de actividade infantil. O venres 29 e o sábado 30 haberá en horario de mañá e de tarde actividades para que asistan as familias”, sinalou a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid. O venres será a quenda do Mago Albert, que actuará ás 11:30h na Praza do Matadoiro. Pola tarde a actuación será ás 17:00h na Praza de Abaixo. O sábado será a quenda de Cris Collazo co seu espectáculo de teatro e títeres “Pepa a loba”, que estará no mesmo horario e localizacións que o venres o Mago. Serán ás 11:30h na Praza do Matadoiro e ás 17:00h na Praza de Abaixo.

A Semana Santa ao Vivo en Allariz, que agarda unha alta ocupación, inclúe na súa programación mercados de artesanía, gastronomía e visitas guiadas a varios recursos turísticos da contorna.

O patio do Museo do Coiro acollerá, como é habitual, dende o xoves ata o domingo, o Mercadiño de Artesanía no que participan artesáns de Allariz. Unha representación de artistas exporán as súas obras feitas en coiro, cerámica ou pedra, entre outros. O Mercado da Reserva da Biosfera ampliará o seu horario e abrirá o venres e sábado de 10:00h a 14:00h.

Ademais destas actividades as visitas guiadas e os roteiros tamén serán unha boa opción para estes días de lecer.

Haberá visitas guiadas ao casco histórico, organizadas por Xeitura,  o 28, 29, e 30 de marzo e o 1 de abril. As visitas comezarás ás 11:30h dende a Oficina de Información Turística.

O Rexo tamén ofertará visitas guiadas a granxa, a queixería e ao ecoespazo en horario de mañás e de tardes o 28, 29 e 30 de marzo. O 31 de marzo soamente terán visita de mañá. Podes consultar a dispoñibilidade das visitas na súa páxina web.

Por outra banda a Asociación A.N.D.R.E.A oferta para a xornada do domingo baixo inscrición visitas guiadas para gozar da compañía dos burros que teñen en San Salvador dos Penedos.

Para completar a experiencia en Allariz,  os museos de Allariz, Museo Galego do Xoguete, Museo da Moda e Museo do Coiro ampliarán o horario para esa semana. Estarán abertos ao público en horario de mañá e tarde (11:00h-14:00h/ 17:00h-19:00h) os días 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de marzo. Os días 25, 26 e 27 de marzo poderán ser visitados soamente en horario de mañá (11:00h-14:00h).

 

0.053702116012573