Comeza en Allariz unha nova edición da Festa do Boi

OurenseXa
Durante nove días, Allariz converterase no epicentro da festa con pasarrúas, teatro, música, xantares populares e, por suposto, as saídas do boi
festa-do-boi-allariz
Imaxe da Festa do Boi de Allariz
14 Jun 2025

Allariz prepárase este sábado para revivir unha nova edición da Festa do Boi, que se celebrará ata o 22 de xuño de 2025. Esta festividade, cunha fonda raíz histórica e cultural, está xa ben consolidada como un dos eventos máis emblemáticos de Galicia.

A programación deste ano conta cunha ampla variedade de actividades que combinan historia, tradición e lecer. Durante nove días, Allariz converterase no epicentro da festa con pasarrúas, teatro, música, xantares populares e, por suposto, as emocionantes saídas do boi, que percorren as rúas do centro histórico.

O programa da Festa do Boi de 2025 dará comezo este mesmo sábado cun gran Xantar Popular en Paicordeiro, un punto de encontro clave para a veciñanza e os visitantes, onde se poderá compartir mesa e celebrar o inicio desta gran festividade. Tras este xantar, terá lugar a tradicional Recreación do Trato do Boi en Roimelo, seguida da esperada baixada dos bois ata a Barreira. O domingo 15, a Procesión medieval do Xan de Arzúa transportará aos asistentes aos tempos da orixe desta festividade, cunha impresionante posta en escena.

Este ano o concurso de trobadores estará adicado a Xosé Manuel Piñeiro, Superpiñeiro convertendo esta actividade nun Supermedievo. Ademais, os máis pequenos poderán gozar de Saídas Infantís do Boi, que terán lugar en varias xornadas ao longo da semana.

A festa contará con destacadas actuacións musicais, como os Festicultores Troupe, a Orquestra Cinema, o Grupo Beatriz, ademais de pasarrúas coa charanga Sugarri e a treboada dos Zes Pereiras. O venres 20 de xuño, terá lugar outro dos momentos máis significativos: a Recreación da Bandeira, onde os gremios, acompañados de música tradicional, percorren a ata a Praza Maior para a colga da bandeira do Xan de Arzúa na Casa do Concello.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, resalta a gran importancia que ten esta festa para Allariz pero sobre todo para a veciñanza. Dende a súa recuperación, a Festa do Boi serve de vínculo interxeracional no que toda a veciñanza convive e participa activamente nas actividades durante eses nove días de festa. Cristina agradeceu a labor das persoas que colaboran na Asociación Cultural Xan de Arzúa e que fan posible que ano tras ano co seu traballo desinteresado organicen a Festa do Boi con meses de antelación.

Desde a organización, faise un chamamento á responsabilidade e ao respecto polos bois, recordando que o seu coidado está exclusivamente en mans das persoas encargadas da súa guía. Ademais, recoméndase ao público estar atentos durante as saídas do boi e evitar obstaculizar os portais, que serven como vía de escape en caso necesario.

⚙ Configurar cookies
0.17174601554871