Comezan as Festas de Vilar de Ordelles con actuacións musicais durante toda a fin de semana

As Festas de Vilar de Ordelles comezan este xoves cunha programación cargada de música e actividades para todos os públicos.
As celebracións arrancarán hoxe ás 20:00 horas coa actuación de Os do Fuelle, Carlos Quintas e o Dúo Flow. O venres, 15 de agosto, a festa empezará pola mañá cunha sesión vermú amenizada por Pulpiño Viascon. Ás 16:00 horas haberá unha tractorada e, ás 19:00 horas, terá lugar unha carreira de carretillas. Ás 20:30 horas terá lugar a actuación de Lilicleta e, a partir das 23:00 horas, Atlanticides, Galifornians e César Silva DJ farán soar a música.
O sábado, 16 de agosto, un pasarrúas e sesión vermú a cargo de B.G. Esgos dará comezo ás celebracións. Pola tarde, ás 16:30 horas, os cativos poderán gozar de xogos e inchables de auga. O deporte chegará ás 19:00 horas cun partido entre Vilar e Esgos e, ás 21:00 horas, comezará a soar a música a cargo de Cantares da Cunha. Ás 22:00 horas, a Asociación de Veciños organiza unha cea popular seguida das actuacións do Dúo Arcoíris, Alvarito GZ e César Silva DJ.
O domingo, 17 de agosto, será o último de festa, con procesión, misa e vermú a cargo da charanga Nova Terra de Trives.