Comezan as obras de mellora da pista cara ao santuario de San Bieito de Cova de Lobo en Barbadás

O Concello de Barbadás iniciou as obras de rehabilitación do tramo de estrada que conecta Parada co santuario de San Bieito de Cova de Lobo. A actuación, adxudicada a Excavaciones P. Prol por 75.340,65 euros, corresponde á segunda fase do proxecto de mellora de accesos a dous puntos turísticos do municipio, o santuario de San Bieito e o Tangaraño. Na primeira fase, tamén executada polo goberno municipal actual, renovouse a pista que une Piñor con San Bieito.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou o valor do santuario, que definiu como “un dos santuarios singulares da provincia e por suposto, de Barbadás”, e lembrou que “son moitos os crentes e veciños e veciñas que o visitan, especialmente na novena”.
A intervención afectará a un tramo de uns dous quilómetros, onde se renovará o firme. A tenente de alcalde e concelleira de Obras, Victoria Morenza, explicou que “a obra inclúe a dotación dunha capa asfáltica, a mellora e ampliación do vial e a limpeza de maleza co obxectivo de mellorar a accesibilidade e seguridade viaria”. Ademais, reforzarase o firme e instalaranse sinais verticais.
Desde o Concello destacan que estas actuacións buscan fortalecer as infraestruturas nos núcleos rurais e garantir que todos os veciños poidan acceder a estes espazos. Segundo Valcárcel, “queremos fomentar o equilibrio territorial dentro do noso concello”.