Comezan as obras de remodelación da beirarrúa pechada na Ponte Vella de Ourense
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, supervisou o comezo das obras de remodelación da beirarrúa pechada na Ponte Vella, incluída no marco das actuacións que se están a desenvolver na nova senda entre Os Remedios e Expourense, tamén coñecida como paseo do Barbaña, na cidade de Ourense.
O delegado territorial explicou que se trata dunhas actuacións na beirarrúa situada ao inicio da Ponte Vella, actualmente valada, tras comprobar os técnicos da Xunta problemas estruturais na mesma, xa que non apoia no terreo senón que é un voladizo entre o estribo da Ponte Vella e o edificio a que dá acceso.
Neste caso, malia ter confirmada a ausencia de problema na ponte, a Xunta incluíu no proxecto da senda do Barbaña a expropiación desta beirarrúa para así desbloquear unha situación de incerteza xurídica sobre a titularidade do voladizo.
En concreto, a solución construtiva deseñada polo Axencia Galega de Infraestruturas, acordada coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, permitirá construír unha beirarrúa voada que dará acceso ao edificio, pero separada do estribo da Ponte Vella, que se descubrirá.
Manuel Pardo manifestou que nesta nova actuación, aproveitarase ese oco para construír unha escaleira que desde a calzada da Ponte Vella dará acceso á ribeira do Miño. Tamén se repavimentará en pedra e formigón o entronque da ponte dende a Avenida das Caldas, que ademais está a ser obxecto de acondicionamento por parte da Xunta.
A Xunta de Galicia segue avanzando nas actuacións que se están a desenvolver na nova senda entre Os Remedios e Expourense, tras abrir ao público, o pasado 17 de xullo, o tramo de case dous quilómetros na marxe dereita do río Barbaña de Ourense desde o Pazo dos Deportes Paco Paz á Ponte Codesal.
A posta en servizo permitiu, ademais, a conexión coa senda do río Barbañica conectando Barbadás e Ourense sen pasar por vías de circulación rodada, que tamén está rematada. As obras da senda do Barbaña forma parte dunha actuación conxunta, que suporá un investimento autonómico de 5,4 millóns de euros, con outro traxecto que comunica a estación intermodal coa Ponte Vella a través da avenida de Caldas.