Comezan as obras do sistema de elevación vertical na avenida de Marín

OurenseXa
Os traballos contan cun investimento total de 368.937 euros e está previsto que rematen antes de finais ano
ascensor-avenida-de-marin
Obras de elevación vertical na Avenida de Marín
29 Jul 2025

O Concello de Ourense deu comezo ás obras do sistema de elevación vertical que conectará a avenida de Marín coa avenida de Santiago, cun investimento total de 368.937 euros. Esta actuación busca mellorar a accesibilidade e a mobilidade peonil e ciclista nun punto con forte desnivel entre ambos viais.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado por membros do goberno municipal, visitou esta mañá a zona para supervisar o inicio dos traballos.
ç
Na actualidade, a conexión entre ambas avenidas realízase a través dunhas escaleiras que salvan un desnivel de case 8 metros. O novo proxecto prevé a instalación dun ascensor dentro dunha estrutura metálica acristalada e a construción dunha pasarela na avenida de Santiago, que permitirá o acceso ao elevador desde o muro da avenida. As escaleiras actuais manteranse como alternativa.

Segundo indicou o alcalde, esta intervención permitirá “superar unha barreira histórica” e facilitará a comunicación entre os barrios da Ponte e do Vinteún. Está previsto que as obras rematen a tempo para a súa inauguración no Nadal.

A obra foi adxudicada á empresa Extraco, Construccións e Proxectos S.A., e contará coa dirección técnica de José Antonio González Meijide (TEMHA S.L.) e coa coordinación de seguridade e saúde a cargo de Roberto Pérez Prol (COORDINA S.L.).

O proxecto conta cun prazo de execución de cinco meses e está financiado con fondos propios do Concello (290.051,30 euros) e fondos europeos Next Generation (78.885,73 euros), no marco da segunda convocatoria da orde TMA/892/2021

⚙ Configurar cookies
0.18073105812073