Comezan as obras no Parque Lucinda, en Barbadás, cun investimento próximo aos 60.000 euros

OurenseXa
O proxecto busca revitalizar a zona de Fonsillón e converter este espazo en desuso nunha área de lecer para a veciñanza
parque-lucinda-barbadas
14 Oct 2025

O Concello de Barbadás vén de iniciar as obras de reforma, recuperación e rehabilitación do Parque Lucinda, situado en Fonsillón, cun investimento que rolda os 60.000 euros. O obxectivo desta actuación é recuperar un espazo que ata o de agora tiña un uso residual e convertelo nun lugar de encontro e lecer pensado para persoas de todas as idades.

O proxecto, deseñado por un equipo especializado en espazos urbanos e de mobilidade, contempla a intervención sobre unha superficie de 982 metros cadrados distribuídos en tres niveis. “O parque constará de tres zonas perfectamente diferenciadas: unha inferior, destinada a merendeiro; a do medio, na que haberá un parque infantil; e a superior, unha zona destinada ao deporte”, explica o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.

A actuación forma parte do Plan de Obras municipal, dotado con 1,1 millóns de euros para 2025, e responde á demanda veciñal de contar con máis espazos deportivos e de convivencia. “Cremos que pode ser un lugar moi visitado polos mozos e mozas para a práctica do deporte, e sobre todo, moi axeitado para o intercambio xeracional, xa que virán pais, nais, avós e avoas, nenos e nenas, que desfrutarán da zona de espallamento e do parque infantil”, destaca Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Obras.

Ademais de ofrecer novas opcións de lecer, o proxecto pretende revitalizar Fonsillón, unha zona en crecemento con moitas familias novas e que ata agora contaba con poucos espazos públicos. “O parque ten unha das mellores vistas do noso concello cara a Ourense”, resalta Valcárcel, quen subliña que esta iniciativa se enmarca na aposta do goberno municipal por recuperar e rehabilitar espazos en desuso para poñelos ao servizo da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.076668977737427