Concello e Deputación felicitan á UD Ourense polo seu ascenso a 2ª RFEF

O presidente provincial, Luis Menor, recibiu no salón de plenos da Deputación á directiva, ao equipo técnico e ao cadro da Unión Deportiva Ourense, logo do seu ascenso á 2º RFEF. Menor rememorou “os nervios e a emoción” que viviron durante o encontro, disputado na Coruña, onde se certificou que os ourensáns eran os flamantes campións da 3ª RFEF.
Luis Menor sinalou que a UD Ourense “é un orgullo para toda a provincia e o exemplo de como lograr un soño con moito traballo, esforzo e sen atallos” e garantiu tamén que “a Deputación sempre estará ao carón deste proxecto que nos representa a todos”.
O presidente da Unión Deportiva Ourense, Fernando Currás, agradeceu “o apoio constante” da institución provincial ao conxunto ourensán e proclamou que “seremos esixentes e ambiciosos para seguir medrando”.
O equipo tamén foi recibido no Concello de Ourense polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente do Consello Municipal de Deportes, Aníbal Pereira, que transmitíronlles os seus parabéns. Ao acto acudiron tamén representantes de todos os grupos políticos con representación no Concello (DO, PP, PSOE e BNG).
O alcalde expresou a súa felicitación ao equipo ourensán por esta exitosa temporada e que espera que “vaia a máis”. Unhas felicitacións ás que se sumou o presidente do CMD, Aníbal Pereira, quen expresou a ledicia pola excelente traxectoria do equipo e o seu ascenso a categoría nacional: “déstelo todo e estamos orgullosísimos”, manifestou. Pereira avanzou que agora, para o equipo de fútbol ourensán “vén unha época na que é o momento de consolidar o proxecto nunha categoría bonita e a partir de aí seguir soñando. Será unha 2ª RFEF apaixonante, e tédesnos a todos aquí”.
O alcalde rematou o acto asegurando que desde o Concello “sempre imos estar cos ourensáns. Ogallá vos poidades manter na categoría de 2ª RFEF, ogallá poidades ascender a 1ª RFEF, ogallá algún día poidamos tentar soñar co fútbol profesional da Segunda e Primeira División. Nós sempre imos estar apoiando a todos os deportistas ourensáns coma vós. Esperamos vervos aquí o ano que vén”, concluíu Pérez Jácome.