Convocada unha nova edición do concurso de Maios e Coplas de Ourense

OurenseXa
En total, este ano repartiranse un total de 42.000 euros en premios e axudas entre as distintas categorías
maios-ourense-2025
30 Mar 2026

O Concello de Ourense vén de convocar unha nova edición do concurso de Maios e Coplas 2026, unha das citas máis destacadas do calendario festivo da cidade, que este ano repartirá un total de 42.000 euros en premios e axudas.

A Festa dos Maios celebrarase o domingo 3 de maio e, como é habitual, o certame premiará tanto as mellores composicións florais como as coplas interpretadas polos participantes. O prazo para inscribirse permanecerá aberto ata o 23 de abril ás 14.00 horas, podendo consultarse toda a información e realizar os trámites a través da web municipal ou na Concellería de Artes e Festexos.

Entre as novidades desta edición, o Concello introduce requisitos mínimos de tamaño para as distintas categorías de maios —agás na modalidade infantil— e limita a seis o número de estrofas que deberán cantarse ante o xurado. Ademais, increméntase a contía global destinada á convocatoria, mantendo os importes dos premios pero aumentando as axudas por participación.

O concurso estrutúrase en varias categorías. No Premio Maio Artístico, destinado a recreacións de escenas, monumentos ou personaxes, concederanse premios de 1.000, 800 e 600 euros. No Maio Enxebre, centrado nas formas tradicionais como pirámides ou cruceiros, os galardóns serán de 700, 500 e 400 euros. Pola súa banda, o Maio Creativo contará cun premio único de 500 euros para propostas de carácter libre.

Tamén haberá espazo para a participación máis nova a través do Premio Maio Infantil, dirixido a menores de 18 anos e centros educativos, con premios de 500, 300 e 200 euros. No caso das coplas, establécense dúas categorías —adulta e infantil— nas que se valorarán aspectos como a retranca, o ritmo e o uso da melodía tradicional, con premios que van dos 500 aos 200 euros.

Ademais dos galardóns, o Concello concederá unha axuda de 400 euros a cada maio participante que cumpra cos requisitos establecidos, reforzando así o apoio á participación nesta festa tradicional.

0.12587690353394