Convocada unha nova mobilización este luns fronte a CHUO para pedir a paralización do traslado da unidade de partos

Este luns 14 de xullo, ás 10:30 horas, está convocada unha nova concentración diante do Hospital Universitario de Ourense (CHUO) para reclamar a paralización do traslado do paritorio ás novas instalacións que, segundo denuncian diversos colectivos non reúnen as condicións mínimas de seguridade, intimidade e dignidade que deben ter as mulleres embarazadas.
O colectivo de apoio á lactación materna Arrolos de Teta, xunto con Petra Maternidades Feministas, a Asociación Galega de Matronas (AGAM), El Parto es Nuestro, Marcha Muldial das Mulleres e SOS Sanidade Pública Ourense, fan un chamamento á cidadanía a participar nesta nova mobilización en apoio ás mulleres embarazas de Ourense.
Entre as demandas principais están a paralización inmediata do cambio nas condicións actuais, a garantía de instalacións adecuadas para o parto e a atención neonatal, e a protección da saúde emocional das mulleres, respectando os seus dereitos asistenciais.
Desde Arrolos de Teta lembran que “parir con dignidade é un dereito, non un luxo” e insisten en que o novo espazo “non é apto para realizar intervencións sanitarias en condicións”. Por iso piden unha resposta clara do Sergas e compromisos para garantir a seguridade e benestar das nais e dos bebés.