Convocado o concurso para deseñar a camiseta oficial da feira Galiciencia 2026

Galiciencia abre, un ano máis, o concurso para que o alumnado de Primaria de centros educativos de Galicia poida deseñar a camiseta oficial da feira. Esta edición céntrase na temática da “Ciberseguridade” e as propostas deberán inspirarse en calquera obxecto ou contorna relacionada con este tema. O prazo para presentar os deseños remata o 16 de marzo.
Os estudantes deberán enviar os seus traballos a través do seu centro educativo, por correo electrónico a galiciencia@tecnopole.gal, ou entregar os orixinais na recepción de Tecnópole, tanto en persoa como por correo postal. Cada participante poderá presentar un máximo de dous deseños, que deberán ser orixinais, inéditos e non premiados en outros concursos. Os traballos deben realizarse nun folio tamaño A4 sobre fondo branco e ocupar polo menos a metade do mesmo. É necesario indicar o título da obra, o centro educativo, e un teléfono e correo de contacto do docente ou titor.
Un xurado de expertos seleccionará a proposta gañadora, que se anunciará na páxina web e nas redes sociais de Galiciencia. O alumno ou alumna premiado recibirá camisetas para toda a súa clase, así como para os docentes e familiares, e tamén se repartirán camisetas entre o persoal da organización e o alumnado que expoña os seus proxectos na feira.