Convocan concentracións en Ourense e Lugo para reclamar medidas de protección ao mel de proximidade

LugoXa | OurenseXa
Terán lugar este martes en ambas capitais de forma simultánea
concentracions-slg-mel-ourense-lugo
1 Mar 2026

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Asociación Apícola Abellas Nais, a Asociación de Apicultura Serra da Carba e a Asociación de Persoas Consumidoras ACUGA convocan este martes, 3 de marzo, concentracións simultáneas nas cidades de Lugo e Ourense. As protestas, baixo os lemas “O mel importado arruína as nosas visas” e “Comercio xusto e de proximidade xa’, desenvolveranse ás 11:30 horas diante da diante do edificio Xunta de Galicia, no caso de Lugo, e diante do centro comercial Ponte Vella pola entrada da rúa Sáenz Díez, no caso de Ourense.

Con estas accións, a organización busca dar a coñecer á cidadanía as diferenzas entre o mel de proximidade e o mel industrial que provén de grandes importacións, así como instar ás administracións a que sexan máis rigorosos nos controis do produto comercializado na UE”, e que se poñan en marcha “medidas reais para garantir prezos dignos e canais de venda curtos ás producións locais”. Ademais, denuncian que actualmente, “non se protexen as producións locais, nin se lexisla para que as persoas consumidoras teñan acceso a alimentos sans e a cidadanía poida identificar de forma clara que está comendo” e que “estas importacións tiran os prezos que percibimos en orixe”.

Dende o SLG denuncian que o 51% dos meles analizados nas fronteiras do Estado español pola UE foron sospeitosos de fraude por estar diluídos con xaropes de frutosa, uso de resinas de intercambio iónico (ultrafiltrado) e falsa orixe do produto. Advirten ademais que arredor do 80% dos comercializados ao por menor na UE son mesturas e a maior parte do mel importado na UE utilízase en mesturas e comercialízase ao menor. Unha porcentaxe que, din, “non vai deixar de aumentar”, especialmente se entra en vigor o tratado UE-MERCOSUR, xa que recolle a exportación dende os países do MERCOSUR de 45000TM de mel ao ano libres de aranceis. Isto, alertan “é o que se vai esconder detrás dun mel moi barato vendido nunha gran superficie”.

Dende o sindicato sinalan que, mentres tanto, en Galicia están a producirse unhas 3.000 toneladas anuais de mel, e unhas 33.000 no estado español. Unha cantidade que, estiman, é suficiente para abastecer o noso consumo doméstico. Porén, critican que actualmente se importa mel de máis de 40 países a un prezo de 1,80€/kg, mentres que os produtores autóctonos non poden producir por menos de 5 5€/kg. Isto, denuncian, “non é competencia, e dumping, unha carreira á baixa que arruína ás persoas abelleiras de aquí e de alá”.

0.12144994735718