Convocan unha nova protesta fronte ao CHUO para esixir a paralización do traslado da sala de partos

O traslado da sala de partos do Materno-Infantil de Ourense continúa xerando controversia entre diversos colectivos que esixen a súa paralización inmediata. Este luns, ás 11:30 horas, distintos colectivos convocaron unha nova mobilización diante do CHUO —a cuarta desde que se anunciou o traslado— para reclamar “condicións dignas” que garantan unha atención de calidade ás mulleres de Ourense no momento do parto.
A semana pasada, un novo desprendemento dun falso teito (o cuarto desde 2023) no Materno puxo de novo en evidencia o mal estado do edificio e os problemas de seguridade que presenta para as persoas usuarias.
Porén, as futuras instalacións, que se emprazarán no edificio Cristal, tampouco convencen ás nais, que insisten en que non cumpren cos estándares de calidade necesarios nun momento tan crucial como o parto.
Pola súa banda, desde o Sergas insisten en que o traslado é “provisional” e que o novo espazo “contará con dúas salas de partos renovadas e cinco salas de dilatación independentes, deseñadas para garantir seguridade, confort e intimidade”.