Cortes de tráfico este martes 31 no centro de Ourense pola carreira San Silvestre

OurenseXa
O evento deportivo obrigará a pechar varias rúas da cidade desde as 16.00 horas até o remate da proba
Imaxe recurso dunha carreira popular
30 Dec 2024

A celebración da tradicional carreira popular San Silvestre Ourensá provocará cortes de tráfico no centro de Ourense mañá, martes 31 de decembro, desde as 16.00 horas e ata a finalización da actividade deportiva. A proba, que se celebra anualmente para despedir o ano, percorrerá un circuíto de 2,5 quilómetros ao que a categoría absoluta dará dúas voltas.

O punto de saída e chegada estará situado na rúa do Paseo, fronte á Subdelegación de Defensa. O trazado inclúe as rúas Parque de San Lázaro, Santo Domingo, Praza do Ferro, Viriato, Lúa, Praza do Correxedor, Praza dos Suaves, Cardeal Cisneros, Praza do Trigo, Hernán Cortés, Prieto Nespereira, Lugo, Vilar, Praza da Ferraría, Cervantes, Barreira, Praza Maior, Lamas Carvajal e, finalmente, a rúa do Paseo.

Como consecuencia, a parada de taxis do Parque de San Lázaro trasladarase de forma temporal á rúa Xaquín Lorenzo “Xocas” durante a celebración da carreira.

A San Silvestre Ourensá, que xa é un clásico das festas de fin de ano, reúne cada ano a centos de participantes e espectadores, que gozan dun evento deportivo e festivo que pon o broche final ao calendario ourensán.

0.16671109199524