Crece a tensión entre Barbadás e Taboadela pola perda do obradoiro de emprego

A tensión entre os Concellos de Barbadás e Taboadela segue crecendo tras confirmarse a perda do obradoiro de emprego que levaban a cabo en colaboración co Concello de Toén.
O Concello de Barbadás acusa a Taboadela de ser o culpable desta situación por ter presentado a súa conta xeral dous meses tarde ante o Consello de Contas, mentres que dende o Goberno municipal de Taboadela insisten en que cumpriron de forma rigorosa cos prazos.
A tensión entre os rexedores de ambos municipios fíxose patente a finais de ano, cando o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, foi acusado de presunto acoso laboral e, dende o PSdeG, o Secretario Provincial e tamén alcalde de Tabodela, Álvaro Vila, pediu a súa dimisión inmediata. Os feitos motivaron a saída de Valcárcel do Partido Socialista e fixeron pública a evidente tensión entre ambos gobernantes, con críticas e reproches constantes que, agora, enrudécense tras quedar sen o obradoiro de emprego dual do sector sociosanitario e forestal que se viña desenvolvendo dende hai varios anos.
O pasado martes, o voceiro socialista Álvaro Vila cargaba duramente en rolda de prensa contra as acusacións de Valcárcel contra o seu Concello, e o acusou de “neglixencia política, bloqueo administrativo e unha estratexia deliberada para desviar a atención da súa propia responsabilidade” polas “constantes mentiras e falacias vertidas tanto en prensa como nas institucións”. Vila insistiu en que o seu Concello cumpriu “de maneira escrupulosa e en prazo” con todos os requisitos esixidos para a concesión da subvención do obradoiro, incluída a presentación da conta xeral con antelación suficiente, acusando directamente ao Concello de Barbadás, como entidade promotora do obradoiro, que segundo el, “deixou pasar os prazos de maneira incomprensible” ao non presentar o recurso correspondente ante a Xunta de Galicia, a pesar, di, de contar con toda a documentación necesaria.
O socialista insiste en que, “lonxe de asumir a súa responsabilidade”, o alcalde de Barbadás optou por “mentir, intoxicar e sinalar a terceiros”, e considera que o máis grave é que se teña posto en dúbida o cuestión o traballo dos funcionarios públicos. Para o alcalde de Taboadela, o comportamento de Valcárcel é “intolerable” e responde a “un intento desesperado de fuxir das propias responsabilidades mediante o ruído e a confrontación persoal”.
Na mesa rolda de prensa, Vila asegurou que non descarta accións legais ante “acusacións veladas e insinuacións moi graves” sobre a suposta manipulación de documentación oficial. “A realidade é incontestable: a subvención perdeuse única e exclusivamente pola desleixo e a falta de dilixencia do goberno de Barbadás. Todo o demais é unha cortina de fume”, di o secretario provincial do PSdeG en Ourense.
Uns días despois, o alcalde de Toén, Ricardo González Gómez, decidía pronunciarse a favor de Barbadás, apoiando a versión do seu rexedor, Xosé Carlos Valcárcel, que este xoves respondía tallante nunha rolda de prensa ás declaración de Vila, explicando que “un dos requisitos para acceder á convocatoria da Xunta era ter presentadas as contas municipais do ano 2024 antes do 26 de decembro do 2025, condición que Taboadela non cumpriu en tempo e forma”. Este feito, sinala, “conleva para a poboación dos tres municipios é a perda de emprego, formación e investimentos”.
O obradoiro, explicou Valcárcel ante os medios, supoñía 24 postos de traballo para persoas desempregadas (13 en Barbadás, 4 en Toén e 3 en Taboadela) durante 9 meses. “Nese tempo recibirían un salario digno, ademais de formación para acceder a postos de traballo en sectores de alta demanda como son o sociosanitario e o forestal”. O investimento total do programa alcanzaría, ademais, os 465.000 euros.
Valcárcel lamentou a “falta de seriedade do Concello de Taboadela e do seu alcalde, Álvaro Vila” ao que acusa de intentar “responsabilizar do seu erro ao Concello de Barbadás”. “Cando recibimos a notificación de que a solicitude do obradoiro decaía xa se nos indicou que o motivo era que Taboadela non rendera contas antes do 26 de decembro”, indicou amosando a documentación do proceso e sinalando que, nese momento, o rexedor de Taboadela solicitou ao Concello de Barbadás a presentación dun recurso de reposición e alegou que se cumprían todos os requisitos necesarios. “Pedímoslle que nos enviase a documentación oportuna, o certificado da rendición de contas, e despois indicámoslle paso a paso o proceso que estipula a lei galega para render contas”, detallou Valcárcel.
En resposta, di Valcárcel, Taboadela entregou “un suposto certificado da presentación das contas no que non se inclúe a data e o día de entrega, nin o número de rexistro. Posteriormente, Taboadela achegou unha copia escaneada, na que se recortou a data e a hora de presentación do escrito”.
“Na propia páxina web do Consello de Contas pódese comprobar que a conta xeral de 2024 do Concello de Taboadela presentouse o 27 de febreiro de 2026, dous meses despois de que rematase a convocatoria para o obradoiro de emprego”, recalcou Valcárcel. Polo tanto, di, “Taboadela non cumpriu os requisitos estipulados”, polo que “non cabe presentar ningún tipo de recurso de reposición”, concluíu o alcalde de Barbadás.