Cristina Pato recibe o XIX Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades

A artista ourensá Cristina Pato recibiu na tarde dese luns o premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades, que lle concede o Concello de Ourense. A Sala Valente acolleu o acto de entrega do galardón, no que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a concelleira de Igualdade, Noa Rouco, a artista ourensá, e a súa irmá Raquel.
O xurado do XIX Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades, en xuntanza mantida o día 26 de febreiro, acordou por unanimidade concederlle o galardón á artista ourensá, “muller comprometida e referente que reflicte, con total merecemento, o espírito deste premio”, segundo recolle a acta da sesión.
Música, escritora, educadora e produtora, Cristina Pato Lorenzo comezou a súa formación musical no Conservatorio Municipal de Música de Ourense e aos 6 anos ingresou na Real Banda de Gaitas de Ourense. Aos 18 publicou o seu primeiro disco titulado Tolemia, co que se converteu na primeira muller en gravar un disco en solitario como gaiteira en España. O seu traballo e proxección internacional vén avalada por infinidade de premios. En 2017 recibiu un Grammy xunto á banda Silk Road Ensemble, coa que colabora en Nova York, e nese mesmo ano recibiu a Medalla Castelao.
“A súa traxectoria profesional esténdese máis aló do recoñecemento no mundo da música -subliña a acta do xurado-. Como educadora, desenvolveu o seu propio camiño para facer uso das artes como unha ponte de colaboración entre as Humanidades e as Ciencias en varias institucións académicas en todo o mundo. No ano 2022 publica a súa primeira novela No día do seu enterro coa Editorial Galaxia. Muller comprometida e referente que reflicte, con total merecemento, o espírito deste premio”.
O xurado estivo integrado por Noa Rouco, concelleira de Igualdade, como presidenta; Stella Estrada, de ValoReSC innovation, representante da Comisión de Investigación e Seguimento das Violencias de Xénero; Milagros Sierra, da Federación Limiar, en representación do Consello Municipal da Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes; Marisol Nóvoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, en representación do ámbito social ourensán, e Elena Cid, funcionaria da Concellería de Igualdade, como secretaria.