Cristina Pato recibirá o XIX Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades o próximo 7 de abril

OurenseXa
A cerimonia terá lugar no Centro Cultural José Ángel Valente
cristina-pato-premio-clara-campoamor-xuraado
Xurado do Premio Clara Campoamor 2025
31 Mar 2025

O xurado do XIX Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades, acordou por unanimidade o pasado mes de febreiro, concederlle o galardón deste ano á artista ourensá Cristina Pato Lorenzo, “muller comprometida e referente que reflicte, con total merecemento, o espírito deste premio”.

Música, escritora, educadora e produtora, Cristina Pato comezou a súa formación musical no Conservatorio Municipal de Música de Ourense e aos 6 anos ingresou na Real Banda de Gaitas de Ourense. Aos 18, publicou o seu primeiro disco titulado Tolemia, co que se converteu na primeira muller en gravar un disco en solitario como gaiteira en España. O seu traballo e proxección internacional vén avalada por infinidade de premios. En 2017 recibiu un Grammy xunto á banda Silk Road Ensemble, coa que colabora en Nova York, e nese mesmo ano recibiu a Medalla Castelao.

“A súa traxectoria profesional esténdese máis aló do recoñecemento no mundo da música”, subliña a acta do xurado.“Como educadora, desenvolveu o seu propio camiño para facer uso das artes como unha ponte de colaboración entre as Humanidades e as Ciencias en varias institucións académicas en todo o mundo. No ano 2022 publica a súa primeira novela No día do seu enterro coa Editorial Galaxia. Muller comprometida e referente que reflicte, con total merecemento, o espírito deste premio”.

O xurado do premio estivo integrado por Noa Rouco Ferreira, concelleira de Igualdade, como presidenta; Stella Estrada Mosquera, da entidade ValoReSC innovation, representante da Comisión de Investigación e Seguimento das Violencias de Xénero; Milagros Sierra Gómez, da Federación Limiar, en representación do Consello Municipal da Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes; Marisol Nóvoa Rodríguez, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, en representación do ámbito social ourensán, e Elena Cid Muñoz funcionaria da Concellería de Igualdade, como secretaria.

A ceremonia de entrega deste galardón será o vindeiro 7 de abril no Centro Cultural Joosé Ángel Valente, onde tamén se poderá visitar ata o 27 de abril a exposición colectiva de mulleres artistas de Ourense 'Marzo todo o ano', incluída na programación de actividades organizadas polo Concello de Ourense para conmemorar o 8M.

A finalidade desta exposición é poñer en valor a arte desde o traballo creativo e artístico da muller; a muller como artista no seu sentido máis amplo, creadora, investigadora, loitadora, etc. A mostra reúne a obra de 17 artistas plásticas, de diferentes idades e xeracións Ana Navas López, Cristina Roo, De Padua, Ana Fernández, Carmucha Vázquez, Olga Reinoso, Elena Guevara, Mayte Diz, Ana Ferreiro, Isabell Seidel, Lola Doporto, Tareixa Taboada, Ehlaba Carballo, María Puertas, Sula Repani, Alba Fernández e Gill Bird.

Tamén colabora no proxecto unha artista da palabra, a historiadora Olga Pastor, que destacou que “en Arco Madrid, a feira de mercado de arte máis importante a nivel nacional, houbo un 5,8% de artistas españolas mulleres na edición pasada. Somos a metade da poboación. Se cos datos na man nos ignoran e berrando chámannos tolas, o que nos queda é irmandarse, coidarnos entre nós e admirar a nosa grandeza. Xuntas”.

⚙ Configurar cookies
0.48020887374878