Cruz Vermella Ourense conmemora o Día Internacional do Voluntariado

OurenseXa
A asociación conta con máis de 2.700 voluntarios que traballan na provincia
curz-vermella-ourense
4 Dec 2025

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá a xornada organizada por Cruz Vermella Ourense para celebrar o Día Internacional do Voluntariado, que terá lugar mañá venres 5 de decembro. O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou no evento, no que se puxo en valor a labor dos máis de 2.700 voluntarios que traballan na provincia.

Baixo o lema “Vive a maxia do voluntariado”, a xornada buscou fomentar a participación cidadá nesta actividade, resaltando a empatía como a principal cualidade para formar parte do voluntariadom unha idea quedou simbolizada a través dun espectáculo de maxia que animou a tódolos asistentes.

Luis Menor salientou a importancia do voluntariado e destacou que o traballo desenvolvido pola “centenaria entidade” converte “este mundo nun lugar mellor”. “O seu compromiso e solidariedade son un exemplo para toda a comunidade”, afirmou o presidente provincial, que subliñou que o lema escollido “simboliza á perfección a maxia do voluntariado, esa maxia que cambia vidas e onde reina a empatía”.

Pola súa banda, Felipe Ferreiro, presidente de Cruz Vermella Ourense, puxo de manifesto a “extraordinaria dedicación” dos voluntarios da provincia, que desenvolven tarefas tan diversas como o acompañamento a persoas maiores, o apoio a familias, a intervención en situacións de emerxencia ou o impulso de proxectos de inclusión e emprego.

Ambos responsables coincidiron en destacar a longa colaboración entre a Deputación de Ourense e Cruz Vermella Ourense, lembrando que esta organización ten as súas orixes no Pazo Provincial, a finais do século XIX. Desde entón, a Deputación vén apoiando tanto os gastos de funcionamento como iniciativas concretas, como a compra de ambulancias ou programas de apoio á infancia.

Con esta xornada, Cruz Vermella Ourense busca seguir promovendo a participación activa na comunidade e facer un chamamento para que máis persoas se sumen ao voluntariado, un labor que sinalan, é esencial para a cohesión social e o benestar da sociedade ourensá.

⚙ Configurar cookies
0.082958221435547