Daniel Minimalia aterriza en Ourense para presentar o seu novo traballo

OurenseXa
Daniel Minimalia converteuse no ano 2020 no primeiro galego en gañar un Latin Grammy
daniel-minimalia-jacome
O artista Daniel Minimalia xunto ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
23 Apr 2024

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu no salón de plenos do Concello o guitarrista, compositor e multiinstrumentista Daniel Minimalia, que ofrecerá un concerto este venres, 26 de abril, a partir das 20:00 horas.

Minimalia presentará no Teatro Principal o seu último traballo, "Terra", co que consegui converterse no primeiro artista galego gañador dun Latin Grammy.

O rexedor destacou a excelente traxectoria profesional do artista: “é unha honra que un dos nosos estea vivindo nun mundo tan difícil como é o da música, dando concertos, triunfando e obtendo premios internacionais”, manifestou. “Que leves tantos anos e sigas aí, di moito. Outros son flor dun día, e non é o caso”, asegurou Pérez Jácome, quen lle desexou a Minimalia “o mellor” e “que a xente que vaia ao concerto, o desfrute”.

Daniel Llorente Rey, popularmente coñecido como Daniel Minimalia, naceu en Vitoria en 1983 e residiu en Ourense desde os 3 anos. É autor de 5 traballos discográficos: Akainik (2011), Contos Sonoros (2012), Areas de Lúa (2014), Orixe (2016) e Terra (2020). Obtivo o premio Grammy Latino do ano 2020 como artista e produtor do mellor álbum instrumental Terra, tamén o Hollywood Music Award, en dúas ocasións, e unha medalla de prata nos Global Music Awards, entre outros recoñecementos.

O músico manifestouse moi contento polo recibimento na cidade nos días previos a un concerto que encherá este venres o Teatro Principal: e será “moi emocional, porque o público de Ourense, o da túa casa, é o mais especial”, declarou.  Despois continuará coa súa xira internacional, con próximas citas en Alemaña e China.

0.16626381874084