Dano Cerebral Galicia organiza unha charla informativa na Bola sobre o dano cerebral adquirido

OurenseXa
Será este martes na Aula CEMIT e é preciso inscribirse previamente
Imaxe recurso dun cerebro
17 Nov 2025

A Federación Dano Cerebral Galicia, que agrupa ás cinco asociacións desta discapacidade na comunidade, organiza este martes, 18 de novembro, unha charla informativa na Bola co obxectivo de explicar as causas do dano cerebral adquirido, como o ictus e os traumatismos cranioencefálicos, describir as secuelas, sensibilizar sobre a prevención e ofrecer información sobre os recursos de atención dispoñibles na zona.

A sesión, organizada en colaboración co Concello da Bola, celebrarase ás 17:00 horas na Aula CEMIT (Lugar Campo de Veiga) e está aberta a todo tipo de público. Aínda que a asistencia é de balde, é necesario inscribirse chamando aos teléfonos 604 037 952 (Servizos Sociais A Bola) ou 652 770 653 (Dano Cerebral Galicia), ou a través dun formulario en liña.

O dano cerebral adquirido afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia, principalmente por ictus e traumatismos cranioencefálicos derivados de accidentes de tráfico, laborais, caídas ou golpes. A súa incidencia aumentou nos últimos anos debido ao envellecemento da poboación e cambios nos hábitos de vida, como a alimentación e o sedentarismo. Ademais, os avances na atención médica fan que máis persoas sobrevivan, aínda que con discapacidade.

Durante a charla daranse recomendacións para previr o dano cerebral, explicarase as secuelas, moitas delas invisibles, como as condutuais ou cognitivas, e detallarase os recursos e apoios para as persoas e familias afectadas.

A actividade conta co apoio do Concello da Bola, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns (Sergas) e coa financiación da Consellería de Política Social e Igualdade, a través do programa da asignación tributaria do 0,7% do IRPF.

⚙ Configurar cookies
0.076781988143921