Decenas de persoas achegáronse ao Castro de Trelle para coñecer os resultados da campaña arqueolóxica de 2025

OurenseXa
Trátase da segunda intervención realizada neste espazo de gran valor patrimonial situado entre cos concellos de Toén e Barbadás
visita-castro-de-trelle
15 Jan 2026

O pasado sábado 10 de xaneiro, o Castro de Trelle acolleu unha visita guiada para presentar os resultados da Campaña Arqueolóxica do 2025. A actividade contou cunha ampla participación de visitantes, comuneiros e veciños da bisbarra interesados en coñecer o xacemento.

A campaña, a segunda neste espazo de gran valor patrimonial, foi realizada por Breogán Arqueoloxía e Árbore Arqueoloxía e Restauración S. Coop. Galega, promovida polos concellos de Toén e Barbadás e financiada pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Tras a campaña anterior, nesta segunda fase fixéronse visibles algúns dos resultados destes imprescindibles e valiosos traballos de recuperación e restauración, ao abeiro do Plan de actuacións arqueolóxicas de 2025. Os traballos consistiron nunha escavación arqueolóxica nunha área de aproximadamente 80 m², que continuou os sondeos realizados en 2024 (45 m² en Toén e 35 m² en Barbadás).

Unha vez finalizada a escavación, procedeuuse ao tapado provisional cun elemento diferenciador e terra do propio vertedoiro, mentres se espera definir unha actuación de consolidación e restauración, que dependerá dos resultados e do estado de conservación dos restos. Para iso, no seu momento deseñarase un proxecto específico de intervención.

O obxectivo principal desta actuación é profundar na caracterización do ben, ampliar o coñecemento científico e facilitar información relevante para planificar con maior eficacia futuras escavacións e traballos de valorización.

Durante a visita, os arqueólogos Andrés Rodríguez (Breogán Arqueoloxía), Nerea Vilariño e Darío Peña (Árbore Arqueoloxía e Restauración) xunto co historiador Pablo Sabucedo, de Amigos do Patrimonio de Toén, explicaron os principais achados da campaña. Ademais, a cita contou coa presenza dos alcaldes de Toén, Ricardo González, e de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel.

Desde Amigos do Patrimonio agradecen a participación de todas as persoas que asistiron, destacando o interese que suscita a arqueoloxía na sociedade e na veciñanza da zona.

⚙ Configurar cookies
0.079537153244019