Decenas de persoas participaron en Ourense nunha conferencia impartida polo expresidente do Senado, Manuel Cruz

OurenseXa
O encontro, organizado polo PSdeG-PSOE de Ourense, abordou cuestións filosóficas e políticas centradas no mundo moderno
psoe-manuel-cruz-ourense
10 Oct 2025

O filósofo e expresidente do Senado, Manuel Cruz, ofreceu este mércores no Teatro Principal de Ourense unha conferencia maxistral titulada “O eclipse das ilusións no mundo moderno”, organizada polo PSdeG-PSOE de Ourense. O acto reuniu a centos de ourensáns, que encheron o auditorio para escoitar as reflexións do pensador sobre a evolución do pensamento e das ideoloxías nas últimas décadas.

Durante a súa intervención, Cruz analizou o descrédito actual das grandes correntes ideolóxicas que marcaron a modernidade. Nas súas palabras, “é cada vez máis común que as grandes visións do mundo que dominaron a modernidade sexan completamente descalificadas co argumento de que todos os intentos por materializar os seus ideais remataron en fracasos inequívocos”.

O filósofo explicou que os primeiros en recibir este tipo de reproches “foron os que podemos chamar a esquerda da Ilustración, directamente cuestionados polo colapso da forma política máis importante adoptada polo século XX, entón chamada socialismo real”. Engadiu que “o fracaso que representou a caída do Muro de Berlín non estivo exento doutros, á súa vez de diverso signo, como guerras, contrarrevolucións, violacións de dereitos humanos, desastres ecolóxicos ou crises económicas, todos tinguidos dunha negatividade semellante dende o punto de vista da emancipación”.

Cruz tamén se referiu ao cuestionamento do liberalismo, que ao seu xuízo “incapaz de xerar unha sociedade mellor, nun lugar moi destacado, tamén acabou sendo cuestionado”. Nesa liña, subliñou que “a totalidade de tales fracasos non fixo máis que establecer no imaxinario colectivo unha dobre sensación: nin as ferramentas teóricas herdadas nos permiten comprender a realidade social nin atopamos aínda a maneira axeitada de nos relacionar con ela”.

Para o pensador, esta perda de confianza reflíctese nunha profunda transformación da percepción colectiva: “no pasado críamonos capaces de ambas cousas, o que explica por que, pola contra, agora tendemos a representar a nosa situación actual en termos de derrota”, sinalou.

O acto rematou cun turno de preguntas no que o público se mostrou moi participativo, abordando cuestións filosóficas e políticas. Houbo tamén espazo para que Cruz comentase a súa experiencia á fronte do Senado e a súa traxectoria no PSC, nun encontro que combinou reflexión intelectual e diálogo aberto cos asistentes.

⚙ Configurar cookies
0.070861101150513