Denuncias ante a precaria situación do edificio Materno-Infantil do CHUO
A situación da área Materno-Infantil do CHUO leva tempo sendo un problema para pacientes e traballadores. As reformas parciais que se veñen desenvolvendo nos últimos anos non son suficientes, tal e como denuncian desde a Asociación Arrolos de Teta e desde o BNG de Ourense.
A asociación califica a situación de violencia obstétrica e institucional contra as mulleres e os seus fillos e fillas no momento do parto, xa que as precarias condicións do edificio obstaculizan unha atención digna e de calidade. Por iso, piden a demolición do edificio ante a "terrorífica e deplorable contorna".
Cabe lembrar que a situción comezou a ser insostible cando, o 30 de decembro de 2023, desprendíase un falso teito nun corredor do edificio Materno-Infantil, no acceso á unidade de partos. Tres das 6 salas de partos foron pechadas por unhas obras que, inda que en principio durarían un mes, todavía están rematar, provocando numerosas queixas entre as pacientes.
Desde a Asociación denuncian que as obras están a producir unha "terrorífica" situación no edificio, onde médicos e pacientes conviven con ratas e cascudas debido aos traballos que duran xa cinco meses. Ademais, lembran que a sala de parto natural, que permanece pechada, é a única que dispón de bañera, baño propio e ventás.
As críticas tamén chegan desde o BNG, que eixe unha solución inmediata ante este problema. A deputada nacionalista, Noa Presas, sinalada fai poucos días que esta situación, a súa estensión no tempo e a non previsión da creación dunha infraestrutura temporal complementaria no Hospital, “teñen consecuencias sobre a saúde das mulleres e os seus dereitos en materia de maternidade. Esta situación amosa a desidia do Goberno galego e da Xerencia de Ourense e vai na mesma liña da obstaculización á Comisión de Lactancia, da recorrente falta de persoal de enfermaría en xinecoloxía e das derivacións a outros hospitais”.
Noa Presas entende que “esta situación non se pode dilatar no tempo, máis aínda tendo en conta a importancia deste Hospital tanto para a poboación que inmediatamente o ten como referencia como para aquela que pode ser desprazada desde os Hospitais Comarcais de Verín e Valdeorras”.
Por todo o anterior, desde o Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, veñen de rexistrar varias iniciativas nas que instan á Xunta de Galiza a “acelerar as reparacións necesarias da área de partos de Ourense para garantir a súa finalización no prazo máis breve posible e impulsar, mentres duren, as medidas paliativas necesarias para garantir a maior comodidade posible para as mulleres usuarias de forma que se priorice o cumprimento das súas eleccións e plan de parto e a súa privacidade, comodidade e seguridade”.