Deputación e balnearios habilitan 500 prazas en piscinas termais a un prezo reducido
A Deputación de Ourense e os balnearios da provincia poñerán en marcha unha campaña de promoción e coñecemento do termalismo, pola que se habilitarán 500 prazas de acceso ás piscinas e instalacións termais durante os sábados e domingos de abril, desde o día 13, en diferentes horarios e a un prezo único para calquera centro: 5 euros.
Esta iniciativa dáse a coñecer coincidindo coa celebración, o 7 de abril, do Día Mundial da Saúde, data na que se lembra a necesidade de promover iniciativas que axuden a incrementar hábitos saudables de vida e afrontar os retos sanitarios actuais e futuros.
Con esta campaña, a Deputación de Ourense pretende que un número cada vez maior de persoas residentes na provincia coñezan e valoren todas as posibilidades que os balnearios ofrecen para mellorar a saúde física e mental.
Termalismo Social
Esta é unha acción máis que enmárcase na liña de cooperación que a Deputación e os balnearios ourensáns veñen mantendo desde hai anos en diferentes ámbitos, sendo o máis importante o Programa de Termalismo Social que se desenvolve desde 2013 e que constitúe todo un exemplo de cooperación público-privada no ámbito da saúde e o envellecemento activo.
A través deste programa anual, miles de persoas poden beneficiarse de diferentes modalidades balnearias centradas no uso terapéutico das augas mineiro medicinais.
Neste sentido destaca por innovadora a recente aposta para configurar os centros termais da provincia como ferramentas contra a soidade non desexada entre os maiores, un problema de saúde pública tal e como advertiu a Organización Mundial da Saúde. Grazas a esta modalidade, ao redor de 200 maiores que viven sós terán acceso este ano a terapias termais en grupos dun máximo de 20 persoas, axuntando a experiencia social cos beneficios da auga mineromedicinal.
Información en WhatsApp
Ademais dos medios habituais de información, a área de Benestar da Deputación acaba de estrear unha “Canle Termal” en WhatsApp, que será o primeiro en explicar o procedemento para participar nesta campaña. A través deste sistema, que en poucas horas ten xa preto de 600 seguidores, os usuarios tamén poderán atopar noticias sobre o Programa de Termalismo Social (inicio, solicitudes, novas prazas, ofertas..) e sobre aspectos de saúde e lecer relacionados cos balnearios. Todos os detalles sobre esta canle e a forma de facerse seguidor están dispoñibles en termalismourense.com/canal.
As prazas poderán reservarse a partir do próximo mércores, día 10, ás 9:00 horas. Tamén se poderán consultar os detalles deste plan no teléfono da área de Benestar -988 317 760- e en termalismourense.com