Deputación e Xunta poñen en marcha un programa para reforzar a xestión e conservación dos soutos de castiñeiro

OurenseXa
O convenio estará vixente ata 2027 e contará cun orzamento de máis de 181.000 euros
pazo-provincial-da-deputacion-de-ourense
25 Sep 2025

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, colaborará coa Xunta de Galicia na creación dun programa específico para identificar, restaurar e impulsar a xestión activa das masas de frondosas autóctonas, con especial atención aos soutos de castiñeiro.

O convenio, aprobado recentemente polo Consello da Xunta, estará vixente ata 2027 e contará cun orzamento de máis de 181.000 euros. O Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós, dependente do Inorde, terá un papel central no desenvolvemento das accións previstas, que se estruturán en tres grandes liñas de traballo.

A primeira céntrase na vixilancia fitosanitaria e na loita contra enfermidades que afectan aos castiñeiros, como o cancro, considerado unha das máis graves. Para mellorar a eficacia dos tratamentos, elaboraranse mapas de distribución de cepas hipovirulentas en zonas produtoras de castaña das provincias de Lugo e Ourense.

En segundo lugar, o programa impulsará a creación de agrupacións de xestión conxunta, facilitando asesoramento e apoio técnico para a súa inscrición no Rexistro de Agrupacións Forestais de Galicia. Ademais, nas agrupacións xa constituídas en Ourense, darase continuidade ás actuacións iniciadas en 2023, como a restauración de soutos ou a redacción dos instrumentos de ordenación forestal.

Finalmente, o acordo prevé a organización dun foro público participativo que servirá para compartir experiencias, dar a coñecer novidades en materia de recuperación de soutos tradicionais e analizar novas plantacións con finalidades produtivas, ecolóxicas ou recreativas.

Con esta iniciativa, Deputación e Xunta reforzan a colaboración iniciada en 2023 co obxectivo de preservar o valor ambiental, económico e social dos soutos e consolidar un modelo de xestión sostible do castiñeiro en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.087294101715088