Deputados do PP por Ourense acusan a Transportes e Adif-AV de deixar no aire os tramos pendentes da variante exterior

OurenseXa
Critican que a resposta do Goberno ás súas preguntas evita concretar prazos de licitación e temen que se opte por desdobrar a liña actual, mantendo un treito sinuoso de 8 quilómetros e vía única ata a estación
vias-tren-ourense-monforte
3 Jan 2026

Os deputados ourensáns do Grupo Parlamentario Popular no Congreso, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, denunciaron que a última resposta do Goberno ás preguntas rexistradas en novembro evidencia, ao seu xuízo, un 'silencio persistente' por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e de Adif Alta Velocidade, que interpretan como un desistimento de executar os tres tramos aínda pendentes da variante exterior ferroviaria de Ourense.

Os parlamentarios lembran que o 4 de novembro de 2025 solicitaron ao Executivo que desmentise de maneira 'oficial e urxente' as informacións que, segundo sosteñen, apuntaban a que non se farían eses tres novos treitos (Conexión Seixalbo-Seixalbo, Seixalbo-Túnel de Montealegre e Túnel de Montealegre-Estación de Ourense) e que, no seu lugar, se podería optar por unha duplicación do percorrido actual, considerado provisional.

A resposta recibida, con data do 11 de decembro de 2025, limítase, segundo indican, a sinalar que para a chegada da alta velocidade a Ourense 'nunha primeira fase' se aproveitou o corredor da rede convencional desde Taboadela e que está en execución a Fase 1 polo trazado da variante entre Taboadela e Ourense. Para o PP, esta contestación evita entrar no núcleo das preguntas: non nega as informacións sobre un posible desdobramento da liña existente, non explica os atrasos na actualización dos proxectos e tampouco fixa unha data para licitar as obras dos tramos pendentes.

Celso Delgado advertiu de que non aceptarán que a LAV a Galicia quede cun treito final 'sinuoso' duns 8 quilómetros, con vía única mixta desde Seixalbo ata a estación de Ourense, o que, segundo expón, faría que 'calquera incidencia ou avaría supoña o corte do acceso ferroviario'. Os populares insisten en que completar a variante exterior e o trazado con dobre vía na súa totalidade é clave para garantir a fiabilidade da conexión entre Galicia e Madrid.

Na súa valoración, tamén apelan a un informe de Seopan (setembro de 2024), no que se cualifica a variante de Ourense como unha prioridade e se recolle unha estimación de 564 millóns de euros de investimento total para a infraestrutura, cun beneficio social asociado de 1.111 millóns de euros calculados a 30 anos.

⚙ Configurar cookies
0.083836078643799