Descubrindo o Patrimonio: a capela de San Miguel de Celanova

Situada no xardín do Mosteiro de San Salvador de Celanova atópase a capela de San Miguel, unha xoia do arte prerrománico mozárabe. Pero este templo, un dos máis antigos e singulares de Galicia, agocha entre os seus muros un fenómeno que, cada ano, reúne veciños, visitantes e amantes da astronomía.
A súa historia remóntase ao século X e a súa construción atribúese a San Rosendo, fundador do mosteiro de San Salvador, a xoia arquitectónica máis recoñecida deste concello e unha das máis importantes do patrimonio non só da provincia, senón de toda Galicia.
Sobre a súa orixe existen diversas teorías. Algunhas apuntan a que foi edificada como recinto funerario para o irmán de San Rosendo. Outras sosteñen que foi un oratorio persoal, creado por ambos irmáns. Sexa cal for, hoxe en día o lugar converteuse nun dos puntos máis singulares de toda a rexión, xa que se trata dunha das construcións máis importantes do arte mozárabe no noroeste da península ibérica e é especialmente destacada polo seu pequeno tamaño e bo estado de conservación.
A capela presenta un estilo mozárabe, influenciado pola cultura islámica debido á vinculación da familia de San Rosendo con esta cultura. Esta influencia é visible nos elementos arquitectónicos e decorativos do edificio, o que suxire, segundo diversos estudos, que o autor da obra puido pertencer á escola de mestres da Mezquita de Córdoba.
OS EQUINOCCIOS NA CAPELA DE SAN MIGUEL
Pero esta pequena capela, de só 8,5 metros de longo por 3,85 metros de ancho aproximadamente, agocha entre os seus muros un segredo: dúas veces ao ano, durante os equinoccios de primavera e outono, os raios do sol penetran polas pequenas ventás da capela ao amencer, formando unha estrela perfecta de luz no seu interior.
Este fenómeno só ocorre durante eses días concretos, normalmente entre o 19 e o 21 de marzo e entre o 21 e o 24 de setembro, e depende da alineación exacta do sol coa orientación da capela. Por iso, atrae a numerosos visitantes, fotógrafos, veciños e curiosos, que acoden a presenciar este momento especial que marca simbolicamente o cambio de estacións.
Este fenómeno, estreitamente vinculado aos movementos da Terra e do Sol, foi tradicionalmente un motivo de interese e misterio. Hai incluso quen relaciona este fenómeno con antigas crenzas e rituais de culturas anteriores, como os celtas, que veneraban o cambio de estacións.
Cada ano, o Concello de Celanova organiza visitas guiadas para que o público poida vivir a experiencia do fenómeno dos equinoccios, esgotando as prazas dispoñibles en case todas as ocasións. Ademais, pódese visitar durante todo o ano.
A súa arquitectura e o seu tamaño, que a converten na capela mozárabe máis pequena do noroeste peninsular, sumados a este curioso fenómeno astronómico, lograron que en 1923 fose declarada Monumento Nacional, xunto con outros lugares de gran interese patrimonial da provincia como Santo Estevo de Ribas de Sil, o mosteiro de San Pedro de Rocas, en Nogueira de Ramuín, o mosteiro de Oseira e o claustro de San Francisco, en Ourense.