Descubrindo o Patrimonio: o neveiro de Xunqueira de Espadanedo

No concello de Xunqueira de Espadanedo, nos montes que soben cara a Parada de Sil, descansa o neveiro do Mosteiro de Santa María, unha xoia patrimonial testemuña da forma de vida de aqueles que habitaron a zona entre os séculos XVII e XVIII.
A súa existencia, documentada desde o século XVII, volveu cobrar vida grazas a unha recente intervención arqueolóxica que puxo en valor esta construción singular. Fai un ano, no mes de xullo do 2024, un grupo de arqueólogos desenterrou esta contrución, unha das máis grandes de Galicia, usada para acumular neve e a súa posteriormente producir xeo, duns nove metros de diámetro e polo menos seis metros de profundidade.
Os neveiros, tamén coñecidos como casas ou pozos da neve, eran estruturas escavadas na terra e recubertas con muros de pedra, deseñadas para almacenar neve e convertela en xeo. Este era un recurso prezado, destinado á conservación de alimentos, usos médicos e tamén ao consumo humano, especialmente durante os meses cálidos. A súa utilización estivo vixente ata finais do século XVIII, coincidindo co remate da chamada “Pequena Idade do Xeo”, un período de descensos térmicos que favoreceu a súa proliferación.
A topografía da Serra de Cabeza de Meda, cos seus invernos longos e fríos, ofrecía o contexto perfecto para estas instalacións. De feito, a documentación recollida polos arqueólogos fai referencia a “varios neveiros”, dos cales tres xa están localizados, dous en Parada de Sil máis o de Xunqueira, ainda que as investigación apuntan a que existen máis construcións como esta aínda por escavar.
A intervención, que estivo dirixida polo arqueólogo Luis Cordeiro e financiada pola Axencia Galega de Turismo, centrouse no baleirado do interior, colmatado por séculos de derrubes, e na limpeza da contorna. Durante os traballos, saíron á luz elementos estruturais de gran interese, como as escaleiras de acceso, o sistema de drenaxe para evacuar a auga procedente do desxeo e dúas entradas ao pozo. Estes achados confirman a complexidade técnica e o coidado construtivo deste tipo de instalacións.
A documentación histórica achega tamén datos sobre o mantemento do neveiro. A finais do século XVIII, o teito orixinal, feito de tella, atopábase en mal estado, o que obrigou ao cabido da Catedral de Ourense, inquilino do pozo que foi arrendado ao Mosteiro de Xunqueira, a investir case 3.000 reais na súa rehabilitación. A obra encargóuselle ao canteiro Antonio Castro, quen construíu unha nova cuberta abovedada de pedra.
Unha vez rematada a excavación, o Concello de Xunqueira de Xunqueira de Espadanedo recibiu unha subvención de case 30.000 euros para completar a actuación coa instalación de valado perimetral, paneis interpretativos e melloras no acceso.
Chegar ao neveiro é doado. Desde o centro de Xunqueira de Espadanedo hai que coller a estrada que leva a Parada de Sil. En apenas dez minutos, tras percorrer uns cinco quilómetros e subir parte do Monte Meda, atópase un cruzamento sinalizado e, desde alí, hai que seguir por unha pista de terra durante uns 500 metros. Preto do neveiro a unha explanada para deixar o coche e dende ahí, tras camiñar apenas 100 metros, atópase esta interesante construción.