Descubrindo o patrimonio: o Pazo de Vilamarín

OurenseXa
Tamén coñecido como o Castelo de Vilamarín, está considerado como o pazo máis importante de toda a provincia
pazo-de-vilamarin
Pazo de Vilamarín, imaxe do Concello de Vilamarín
8 Jun 2025

A 17 km da cidade de Ourense, no concello de Vilamarín érguese o Pazo de Vilamarín, un dos máis impoñentes e mellor conservados de todo o territorio galego. Un edificio que pasou de ser unha fortaleza a converterse en residencia señorial e que se sitúa sobre unha formación rochosa a case 450 metros de altitude, protexido de xeito natural ao sur polo Regato de Orbán.

Un enclave único que na súa orixe foi coñecido como Casal de Bouzoaa e estivo vinculado ao dominio do mosteiro de Oseira. Algunhas informacións apuntan a que a fortaleza puido ser destruída durante as revoltas Irmandiñas, aínda que non se puido constatar documentalmente. O que si se sabe e do que si se ten constancia é que o edificio foi reformado despois do século XV e, durante os séculos XVI e XVIII, o castelo orixinal transformouse nun maxestoso pazo con elementos barrocos, reflectindo o poder da nobreza local.

O lugar foi, durante séculos, propiedade dalgunhas das familias máis influentes da provincia, entre as que se atopaban os Condes de Ribadavia, Condes de Maceda ou a familia da Maza. Pasou, así, por varias mans ata que en 1976 foi adquirido pola Deputación Provincial de Ourense, que restaurou por completo o inmoble. Un ano despois, en 1977, foi declarado Monumento Histórico-Artístico.

O seu exterior aínda conserva vestixios defensivos orixinais, como as súas catro torres circulares, unha torre cadrada nas esquinas e muros de cachotaría de gran grosor. A porta principal, en arco de medio punto, está flanqueada por dous torreóns, reforzando o carácter señorial do conxunto.

O Pazo de Vilamarín tamén conta cunha pequena igrexa barroca, restos dun antigo hórreo de seis pés, un muíño próximo e outras edificacións agrarias do século XIX. No seu recinto pode admirarse tamén a escultura do "Guerreiro Gardián", obra de Xosé Cid, autor do coñecido monumento a Breogán na Torre de Hércules.

As súas portas acolleron durante anos, concretamente entre 2003 e 2016, unha exposición permanente do recoñecido artista ourensán Xaime Quesada. Porén, tras anunciarse no ano 2017 a intención de que este lugar acollese a sede do Museo Galego da Emigración da provincia de Ourense, as obras foron trasladadas.

Ademais do seu valor histórico e arquitectónico, o Pazo de Vilamarín forma parte da Ruta dos Pazos, un percorrido circular de 11 quilómetros que conecta varias aldeas da zona, como Tamallancos, Bouzas ou A Rá, e outros edificios singulares como o Pazo da Sobreira.

⚙ Configurar cookies
0.13461303710938