Descubrindo o patrimonio: o Santuario de Nosa Señora dos Milagres

OurenseXa
Ademais do seu valor arquitectónico e patrimonial, o santuario é coñecido pola tradicional romaría que cada 8 de setembro
santuario-Milagres-banos-de-molgas
18 Jan 2026

O concello de Baños de Molgas alberga un dos lugares de peregrinación máis emblemáticos e espectaculares de Galicia: o Santuario de Nosa Señora dos Milagres. Trátase dun lugar de culto situado no Monte Medo, en plena Serra de San Mamede, un templo barroco-clasicista que en 1892 foi declarado Monumento Histórico-Artístico Nacional.

O templo está rodeado por unha muralla con catro portas de entrada e, no seu exterior, hai un total de sete capelas que forman un viacrucis e unha carballeira centenaria. Ademais, na súa contorna poden verse tamén a Fonte da Virxe e o Cruceiro da Piedade.

Un dos elementos máis chamativos desta edificación é, sen dúbida, a súa fachada principal, que lembra á da Catedral de Santiago de Compostela, construída anos despois, xa que a dos Milagres foi precursora do proxecto que deu lugar posteriormente á maior catedral galega.

Para entender a súa construción cómpre remontarse a unha lenda da zona que trata de explicar a súa orixe e que di o seguinte:

«A finais do século IX, os condes de Castro Caldelas e Pena mantiveron diversas diferenzas que decidiron resolver pola forza das armas. O de Pena superaba en mesnadas ao de Caldelas. A batalla máis sanguenta tivo lugar no Marrubio, onde o de Caldelas venceu ao seu contrario, que, replegado, presentou de novo batalla no Medo. O de Caldelas, seguro da xustiza da súa causa, acudiu á Virxe María facendo voto de erixir alí unha ermida se acadaba a vitoria. Derrotado o seu inimigo, cumpriu o voto e mandou construír no Medo a ermida baixo a advocación de Nosa Señora da Defensa».

Segundo esta lenda, co paso do tempo, a ermida quedou totalmente abandonada e cuberta de maleza. Un día, unha moza que paseaba polo Monte Medo atoparía a imaxe da Virxe no oco dun carballo, e esta fíxolle saber o seu desexo de que a ermida fose reconstruída.

O culto neste espazo comezou nos séculos XVI e XVII. Arredor do ano 1700, a Virxe, coñecida ata ese momento como Nosa Señora do Medo, pasou a denominarse como se coñece hoxe: Nosa Señora dos Milagres.
O primeiro rexistro sobre a construción do templo actual data de 1731, segundo o libro da Confraría da Virxe. Neste documento fálase de que a afluencia de devotos que chegaban á ermida era tan grande que a infraestrutura resultaba insuficiente. Trinta e sete anos despois, en 1869, foron os Padres Paúles quen ergueron este santuario ao que cada ano acoden milleiros de fieis.

Ademais do seu valor arquitectónico e patrimonial, o santuario é coñecido pola tradicional romaría que cada 8 de setembro se celebra nel, durante a novena de Nosa Señora dos Milagres.

⚙ Configurar cookies
0.081407070159912