Descubrindo o patrimonio: Santa María de Tamallancos

OurenseXa
O templo, situado no concello de Vilamarín, foi obxecto de numerosas reconstruccións ao longo da historia ata acadar a estrutura que se pode ver hoxe en día
saata-mariaa-d-tamallancos
Imaxe do Concello de Vilamarín
5 Oct 2025

A igrexa parroquial dedicada a Santa María de Tamallancos, situada no concello ourensán de Vilamarín, é un edificio de orixe románico-gótica que experimentou varias etapas construtivas e de consolidación ata chegar á súa configuración actual.

O templo, pese a ser unha infraestrutura de estilo gótico, podería ter orixes románicas, como o demostra un Agnus Dei colocado no piñón do ábside, elemento máis antigo que se conserva da edificación. Entre 1523 e 1530, segundo inscricións conservadas, levouse a cabo a construción dunha nova igrexa. A obra inclúe a capela maior, cuberta cunha bóveda de crucería, e a sacristía, decorada coa labra heráldica dos Novoa. Unha inscrición na sacristía menciona a Pedro de Bóveda, clérigo da parroquia, como promotor da obra.

En 1700, debido ao mal estado do templo, foi necesario acometer obras de reparación e afianzamento. Precisamente durante esta fase construíuse un púlpito de madeira, abriron ventás no corpo do edificio, alongouse a nave, levantouse unha tribuna coa súa escaleira e ampliouse a porta da sacristía. A finais do século XIX realizáronse novas reconstruccións estruturais.

Coa construción dun novo edificio eclesial independente en 1975, o uso da igrexa antiga reduciuse ao mínimo, ata que en 1994 os veciños da parroquia, coordinados polo profesor Manuel Bóveda Hermilla, levaron a cabo a súa restauración integral.

Na actualidade, a igrexa conserva a súa capela maior case inalterada, con bóveda de crucería decorada con floróns que inclúen motivos florais, a flor de lis e o anagrama de Xesús. O retablo maior é barroco, con columnas salomónicas, atribuído posiblemente a Castro Canseco ou ao seu taller, do primeiro cuarto do século XVIII, con modificacións posteriores. No ático atópase un relevo da Asunción da Virxe. A fachada é sinxela, con porta de arco de medio punto, decoracións de bolas do século XVI e unha inscrición que menciona o ano 1523, mentres que a espadaña, de dous corpos, data do século XVIII.

⚙ Configurar cookies
0.10535311698914