Descubrindo o patrimonio: Santa Marta de Moreiras

A parroquia de Santa Marta de Moreiras, unha das trece que integran o municipio do Pereiro de Aguiar, atópase nun val creado polo río Lonia, a pouca distancia de Ourense. A súa igrexa parroquial érguese na parte máis setentrional da pequena localidade, rodeada por un camposanto de grande encanto e beleza.
A existencia deste templo menciónase por primeira vez en documentos do século XIV, aínda que a súa orixe podería ser anterior. As súas características arquitectónicas permiten datala a finais do século XIII ou comezos do XIV, polo que o seu estilo se enmarca no Románico tardío.
A súa arquitectura presenta unha única nave e un ábsida rectangular, e conta con dúas portadas. A do oeste, máis sinxela, posúe un arco apuntado, mentres que a portada sur mostra un traballo máis coidado, con arcos oxivais de estilo gótico, capiteis decorados con bólas e follas e columnas acodilladas. Nela pode verse, ademais, un reloxo de sol moi ben conservado e, no máis alto do templo, érguese unha espadana que coroa o conxunto.
Na parte exterior, o ábsida está rodeado por unha ornamentación de arquillos cegos moi característica, presente noutros templos da comarca e inspirada na catedral de Ourense. Estes pequenos arcos apóianse sobre canzorros labrados con figuras humanas, animais e motivos xeométricos que decoran a fachada.
Pola súa parte, o interior do templo sufriu modificacións ao longo do tempo, mais conserva aínda un elemento de enorme valor: un artesonado mudéxar do século XVI, de madeira tallada e decorada con motivos xeométricos.