Destínanse 600.000 euros á construción dun novo centro de día en Vilamarín
A Xunta de Galicia reforzará a atención aos nenos e ás persoas maiores de Vilamarín con melloras na escola infantil pública autonómica e co financiamento das obras de construción dun centro de día municipal. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou recentemente en compañía do alcalde, Amador Vázquez, a escola infantil e a parcela na que se edificará o novo servizo de atención diúrna.
O xerente do Consorcio explicou que, dentro do programa de melloras que durante todo o ano se leva a cabo nos centros deste ente autonómico, destinaranse 17.000 euros a diferentes obras na escola infantil. Estas consistirán, principalmente, na reforma do patio exterior, a substitución de estores e outras melloras interiores.
Perfecto Rodríguez sinalou que os traballos se levarán a cabo en agosto aproveitando o período de vacacións. O concello, que é o titular do inmoble, encargarase de executalos e financiaranse, na súa maioría, mediante o desconto das liquidacións que a Administración local ten que abonar este ano ao Consorcio por este servizo público.
Plan de investimentos
Por outra banda, o xerente do Consorcio visitou os terreos nos que se construirá un novo centro de día para persoas maiores, cuxas obras sufragará ao 100% o Goberno galego a través do Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais de titularidade municipal.
En concreto, a Xunta destinará 600.000 euros a este servizo de atención diúrna que terá capacidade para 30 prazas. O Concello responsabilizarase de licitación e contratación das obras, unha vez que se asine o convenio de colaboración entre ambas administracións, así como da xestión do centro.
A través do Plan de investimentos, a Xunta pon á disposición dos concellos 18,5 millóns de euros procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU). Con este orzamento desenvolveranse unha vintena de proxectos, entre residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociocomunitarios, en cuxa selección tamén participou a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Perfecto Rodríguez destacou o impulso histórico que se dá con este Plan aos servizos locais e de proximidade destinados ás persoas maiores. Ao respecto, indicou que suporá unha importante mellora dos equipamentos e que traerá consigo a creación de 500 novas prazas de atención residencial e outras 150 de atención diúrna.