Dez centros escolares ourensáns participan no programa piloto de vacinación infantil fronte á gripe

Dez centros educativos da provincia de Ourense participan este ano no programa piloto de vacinación infantil fronte á gripe mediante vacina intranasal, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 11 anos. A iniciativa, promovida polas consellarías de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidade e FP, ten como obxectivo chegar a máis de 2.700 alumnos nesta primeira fase.
Os centros seleccionados na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras son: CPR Pablo VI Fátima (A Rúa); CPI Plurilingüe Antonio Faílde (Coles); CPI Terras de Maside (Maside); CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo e CPR Plurilingüe Sagrado Corazón (O Carballiño); CPR Plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar); CEIP Plurilingüe Irmáns Villar e CPR Plurilingüe Divina Pastora (Ourense); CPR Plurilingüe María Inmaculada (Verín); e CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia).
A vacinación ofrécese de forma voluntaria aos alumnos de 4º, 5º e 6º de educación infantil e a todos os cursos de educación primaria. O programa busca acadar unha cobertura do 70 % entre os nenos nados entre 2014 e 2022. Segundo a Xunta, en función dos resultados obtidos, avaliarase a posibilidade de ampliar este modelo ao resto de centros escolares en campañas futuras.
Esta mañá, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou o CEIP Carlos Casares, en Xinzo de Limia, acompañado do xerente e da directora de enfermaría da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba e Josefa Rodríguez. Durante a visita, Pardo explicou que o programa forma parte da campaña xeral de inmunización fronte á gripe e recordou que a finalidade é “disminuir o número e a gravidade das complicacións derivadas deste virus na poboación infantil, intentando minimizar o impacto na saúde dos nenos, das súas familias e de toda a poboación, mediante a prevención coa rotura da cadea de transmisión”.
Na provincia de Ourense, a vacinación infantil tamén estará dispoñible en todos os centros de saúde e consultorios, cun total previsto de aproximadamente 102.000 doses, das cales 10.845 se destinarán á poboación infantil.