Dezasete artistas plásticas ourensás amosan a súa obra na exposición ‘Marzo todo o ano’

O Centro Cultural José Ángel Valente inaugurou na tarde deste mércores a exposición colectiva de mulleres artistas de Ourense 'Marzo todo o ano', incluída na programación de actividades organizadas polo Concello de Ourense para conmemorar o 8M. A mostra estará aberta ao público até o día 27 de abril.
A finalidade desta exposición é poñer en valor a arte desde o traballo creativo e artístico da muller; a muller como artista no seu sentido máis amplo, creadora, investigadora, loitadora… A mostra reúne a obra de 17 artistas plásticas, de diferentes idades e xeracións Ana Navas López, Cristina Roo, De Padua, Ana Fernández, Carmucha Vázquez, Olga Reinoso, Elena Guevara, Mayte Diz, Ana Ferreiro, Isabell Seidel, Lola Doporto, Tareixa Taboada, Ehlaba Carballo, María Puertas, Sula Repani, Alba Fernández e Gill Bird.
Tamén colabora no proxecto unha artista da palabra, a historiadora Olga Pastor, que destacou que “en Arco Madrid, a feira de mercado de arte máis importante a nivel nacional, houbo un 5,8% de artistas españolas mulleres na edición pasada. Somos a metade da poboación. Se cos datos na man nos ignoran e berrando chámannos tolas, o que nos queda é irmandarse, coidarnos entre nós e admirar a nosa grandeza. Xuntas”.
A exposición estará aberta ao público até o día 27 de abril na sala da rúa do Paseo, onde se pode visitar, de martes a sábado, de 11.00 a 13.30 horas e de 18.30 a 21:30 horas, e os domingos, de 11.00 a 13.30 horas.