Diverlandia enche Barbadás de xogos e animación nunha tarde con visita dos Reis Magos

Barbadás vive hoxe unha xornada pensada para o público infantil coa chegada de Diverlandia, unha proposta de lecer que reúne xogos e animación no Polideportivo Municipal. A actividade desenvolverase entre as 16.00 e as 20.00 horas.
Segundo informa o Concello, o evento inclúe inchables, obradoiros de maquillaxe e un dos momentos máis agardados destas datas: a visita das Súas Maxestades os Reis Magos, que se achegarán para saudar á cativada e sumar ilusión á recta final do Nadal.
O acceso será por invitación, que debe terse recollida previamente, polo que o Concello lembra a importancia de acudir con ela para poder entrar no recinto.