Diversos especialistas reuníronse en Ourense para avanzar na implantación dos ODS na provincia

OurenseXa
A xornada, promovida pola Deputación, enmárcase no proxecto europeo Green Gap e centrouse na xustiza territorial e nas infraestruturas verdes como modelo de sustentabilidade e innovación
proxecto-green-grap
7 Nov 2025

A Deputación de Ourense celebrou este xoves unha xornada de reflexión sobre xustiza territorial e infraestruturas verdes, un encontro que tivo lugar na Aula Formativa do Centro Cultural Marcos Valcárcel e que se enmarca no proxecto europeo Green Gap, centrado en promover a cooperación transfronteiriza en materia de sustentabilidade ambiental, cohesión social e desenvolvemento rural.

O deputado de Novas Tecnoloxías, Reto Demográfico e Dinamización Rural, Xosé Miguel Pérez Blecua, destacou durante o encontro que “a aposta da Deputación de Ourense é firme e sostida, como demostra o feito de que o proxecto provincial para a implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable nos concellos ourensáns acadase, un ano máis, a subvención do Ministerio de Asuntos Sociais e Axenda 2030”.

O proxecto Green Gap contempla, entre outras actuacións, a creación dunha infraestrutura verde na contorna do encoro das Conchas (Muíños) e o desenvolvemento dunha estratexia provincial de infraestruturas verdes, incluída tamén entre os compromisos da Axenda 2030 da institución provincial.

A xornada reuniu especialistas de distintos ámbitos académicos e técnicos para analizar como “aterrar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable no territorio ourensán”, integrando sustentabilidade ambiental, innovación tecnolóxica e participación cidadá.

A profesora María Isabel Doval abriu a sesión subliñando que a Axenda 2030 “só pode cumprirse se se traduce en accións concretas a escala local”. Reivindicou a necesidade de “localizar os ODS e aplicar o enfoque rural proofing”, unha ferramenta que permite avaliar o impacto real das políticas públicas no medio rural. Como exemplo, citou o caso de Barcelona, onde as infraestruturas verdes “actúan como motor de transformación urbana e mellora da calidade de vida”.

Pola súa parte, o investigador Pedro Orgeira abordou o papel da innovación tecnolóxica e científica na planificación sustentable, destacando como a teledetección, os sensores e os satélites “permiten identificar illas de calor urbano e vulnerabilidades climáticas, e deseñar refuxios climáticos baseados na natureza máis precisos e eficientes”. Explicou ademais que estas metodoloxías xa se están aplicando en Ourense, combinando datos científicos con estratexias de ordenación territorial.

A investigadora Eva D. Castro centrou a súa intervención na dimensión social e de xénero das infraestruturas verdes, defendendo que “deben concibirse como ferramentas de xustiza social e cohesión comunitaria”. Engadiu que, cando se deseñan de forma inclusiva e participativa, “estes espazos poden reducir desigualdades e fortalecer o tecido social, especialmente entre os colectivos máis vulnerables e no ámbito rural”.

A sesión concluíu cunha idea compartida entre os poñentes: o futuro de Ourense debe planificarse de forma equitativa, ruralizada e cientificamente fundamentada, avanzando cara a un modelo de desenvolvemento sustentable, resiliente e inclusivo, aliñado cos principios da Axenda 2030.

⚙ Configurar cookies
0.076617956161499