Dous centros ourensáns gañan a VI edición do concurso Pilabot

O Colexio Plurilingüe Divina Pastora MM Franciscanas de Ourense e o CEIP Virxe de Guadalupe de Avión (Ourense) son os centros gañadores da sexta edición do concurso de recollida de pilas Pilabot, unha iniciativa promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en colaboración cos xestores de pilas autorizados en Galicia —Ecopilas, ERP, Ecolec e UNIBAT— que busca concienciar ás novas xeracións sobre a importancia da reciclaxe deste tipo de refugallos.
Nesta última convocatoria participaron 31.611 estudantes pertencentes a 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia, que conseguiron reunir un total de 47.779,70 quilogramos de pilas, acumuladores e baterías usadas entre os meses de xaneiro e maio, período durante o que se organizaron as recollidas.
En concreto, o Colexio Plurilingüe Divina Pastora MM Franciscanas logrou o primeiro posto en termos absolutos, ao recompilar preto de 5 toneladas de pilas na súas instalacións —4.905,00 kg—. Pola súa banda, o CEIP Plurilingüe Santiago de Oliveira, de Ponteareas (Pontevedra), foi o seguinte clasificado, cun balance de 3.912,05 kg.
No que atinxe á outra categoría, que busca recoñecer o traballo daqueles centros coas mellores ratios de reciclaxe por alumno, o gañador foi o CEIP Virxe de Guadalupe de Avión, cunha media de 90,75 quilogramos por estudante, seguido moi de cerca polo CEIP Carmen García Carrasco de Cenlle, tamén na provincia de Ourense, que recibirá o segundo premio logo de recoller 90,14 kg por alumno.
Os catro centros escolares gañadores desta edición recibirán 7.500 euros en total, contía que deberán destinar á compra de material escolar, deportivo ou á realización de actividades educativas. Concretamente, os primeiros premios de ambas categorías están dotados con 2.500 euros cada un, mentres que os centros que quedaron en segunda posición levarán como recompensa 1.250 euros.
Desde o ano 2018, o certame Pilabot busca fomentar a reciclaxe de pilas tanto no ámbito escolar como nas familias do alumnado, ofrecendo recursos pedagóxicos que promovan hábitos responsables no eido dos residuos que contribúan a evitar problemas de contaminación.
Neste sentido, ademais do concurso e no marco desta mesma campaña, desenvolvéronse tamén medio cento de talleres ao longo do presente curso escolar nos que persoal especializado incidiu na importancia destes dispositivos no día a día e en como o seu correcto tratamento axuda a coidar da contorna, ofrecendo recursos didácticos á comunidade escolar para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación derivados da súa xestión inadecuada, xa que se trata dun dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares.
O éxito da iniciativa reflíctese nas propias cifras de recollida xa que desde que se puxo en marcha este certame e sen contar os datos do presente curso, as achegas dos centros educativos participantes sumaron un total de 244 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unha cifra equivalente a uns 14 tráileres.
Por iso, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e os xestores de pilas colaboradores agradecen a implicación demostrada un ano máis pola comunidade educativa e animan aos centros a participar na vindeira edición para contribuír a avanzar cara a unha Galicia máis sostible, unha mensaxe de plena actualidade xa que coincide coa conmemoración, hoxe, a nivel mundial do Día do Medio Ambiente.