Entregan as Medallas ao Mérito da Protección Civil

LugoXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Entregáronse doce medallas ao mérito da Protección Civil, que recoñeceron o traballo de axentes de Lugo, Verín e da Coruña
Medallas-ao-Mérito-da-Protección-Civil
8 Jul 2024

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a directora xeral de Protección Civil e Emerxencias, Virginia Barcones, destacaron o compromiso dos homes e mulleres recoñecidos coas Medallas ao Mérito da Protección Civil “cuxos actos serven de exemplo para avanzar cara unha democracia máis sólida, libre e avanzada”. Fixérono durante a cerimonia de entrega destes recoñecementos, na que tamén participaron as subdelegadas do Goberno na Coruña, María Rivas; Lugo, Isabel Rodríguez, e o subdelegado en Ourense, Eladio Santos.

Pedro Blanco sinalou que as condecoracións “son un acto de xustiza” cos moitos homes e mulleres que, “coa súa entrega voluntaria e desinteresada, fan de Galicia unha Galicia mellor”. “Persoas moitas veces anónimas que destacan pola súa eficacia no exercicio das súas funcións pero sobre todo pola súa exemplaridade social e vocación de servizo público e ás que hoxe queremos agradecer o seu compromiso”, apuntou.

Pola súa banda, a directora xeral de Protección Civil, Virgnia Barcones, salientou o gran labor que realizan os condecorados no seu día a día, “minimizando os riscos de que ocorra calquera problema e traballando para solucionalo cando, por desgraza, ten lugar”. A directora xeral apuntou que é imposible atallar certas situacións, “pero grazas a estes homes e mulleres, ás forzas e corpos de seguridade do Estado, podemos ter a confianza de sempre vai haber alguén ao noso carón traballando pola nosa protección”.

En total, entregáronse doce medallas ao mérito da Protección Civil, “unha condecoración con máis de 40 anos de historia coa que a sociedade pode agradecer en parte a enorme contribución que vós fixestes coas vosas accións”, indicou o delegado. Entre os recoñecidos figuran o tenente coronel xefe de Policía Xudicial na Comandancia da Garda Civil na Coruña, Jorge Bodelón, polo seu labor na loita contra a violencia de xénero á fronte dos equipos VIOGEN desta Comandancia.

Tamén Guadalupe Lorenzo, xefa da Brigada de Seguridade Cidadá da Policía Nacional, chave pola súa actuación durante o Estado de Alarma pola Covid e en diversos operativos de busca na zona de Ferrol. Os policías nacionais Alberto de Lera e Óscar Espiño da Comisaría de Lugo, cuxa rápida e decidida intervención permitiu salvar a vida a un bebé de dous meses de idade que non podía respirar.

Os GEAS da Garda Civil, o grupo de Rescate Especial de Intervención en Montaña (GREIM) de Pobra de Trives, os bombeiros de Pontevedra, os do Deza e o servizo de emerxencias da Estrada no tráxico sinistro de autobús en Cerdedo-Cotobade da Noiteboa de 2022, nunhas condicións de traballo extremas. Completan a lista os gardas civís José Alberto Yáñez e Alejandro Urbano Domínguez, do posto de Verín, cuxo papel foi chave no desaloxo da localidade de Vilarmaior nos incendios de 2022, e o axente da Garda Civil de Tráfico Héctor Teixeira polo seu traballo na regulación da circulación durante un forte temporal de chuvia na Coruña en xaneiro de 2023. Como afirmou o delegado, a medalla “é un recoñecemento ao voso labor, extensivo ao corpo ao que pertencedes e ás vosas familias, que tamén sacrificaron tempo pola vosa dedicación”.

0.10571694374084