Dous proxectos realizados no centro de menores de Montealegre e na residencia Nosa Señora dos Anxos protagonizan unha exposición en Ribadavia

Dous proxectos realizados no centro de menores de Montealegre, en Ourens, e na residencia Nosa Señora dos Anxos, en Ribadavia, protagonizan unha a nova exposición do Museo Etnolóxico de Ribadavia, titulada ‘Vou facer un paso de brillantes’.
A mostra pode verse ata principios de maio nas instalacións deste centro museístico ourensán e recompila un cento de pezas entre fotografías, colección de obxectos populares, obras artísticas ou de poesía visual, todas elas elaboradas polos participantes dos dous proxectos.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, inauguraron este xoves a mostra, salientando que se trata dun proxecto composto por un cento de pezas é un exemplo da contribución dos centros museísticos na construción dunha sociedade máis inclusiva e diversa. Ademais, salientaron o papel desenvolvido polos dous comisarios da mostra, María José Floriano e Pablo Otero, por ser capaces de “transformar en contido e produtos culturais e dun xeito tan brillante” os proxectos ‘Fotosíntese e Todas as cousas do mundo’, levados a cabo, respectivamente, con rapaces en situación de vulnerabilidade e con persoas maiores dunha residencia.
Esta exposición, xunto con outras na mesma liña do Museo Etnolóxico de Ribadavia, reflicten como a programación cultural está “sendo cada vez máis permeable” ás liñas de actuación da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. Ao respecto, ambos os dous directores destacaron que se trata dunha normativa pioneira en Europa que, aínda que entrou en vigor en xaneiro do pasado ano, “recolle froitos dunha estratexia na que xa levamos moito tempo traballando no Goberno galego”.