Down Galicia reivindica a necesidade dun modelo educativo inclusivo
O 24 de xaneiro celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Educación, unha efeméride coa que neste 2024 Nacións Unidas pon o foco no papel crucial que desempeñan a educación e o persoal docente na loita contra o discurso do odio.
Esta xornada pretende, entre outros obxectivos, mobilizar aos Estados Membros e aos asociados para que manteñan a educación no máis alto das súas axendas políticas e cumpran os seus compromisos do Cumio sobre a Transformación da Educación e a axenda Educación 2030.
Aproveitando esta sinalada data, a Federación Down Galicia acaba de lanzar unha peza audiovisual para reivindicar novamente a importancia da construción dun modelo educativo inclusivo baseado nos principios de calidade, equidade, flexibilidade e respecto á diversidade, así como do emprego das metodoloxías inclusivas e a prestación de apoios.
O vídeo conta coas declaracións e os puntos de vista dunha nai dunha rapaza coa síndrome de Down escolarizada nunha escola pública ordinaria, un docente, unha orientadora educativa, un técnico dunha entidade Down e o presidente da Federación, que inciden na importancia de contar cos recursos públicos necesarios que aseguren unha inclusión educativa real e esixen implicación, compromiso, claridade e concreción ás administracións á hora de definir o que é a educación inclusiva.
Na peza insístese tamén na necesidade de abordar un cambio na metodoloxía de traballo, utilizando metodoloxías inclusivas nas aulas como o Deseño Universal da Aprendizaxe (DUA), a aprendizaxe por proxectos, a aprendizaxe cooperativa ou a programación multinivel, entre outras, que eliminarían as barreiras existentes desde o primeiro momento.
Para conseguir unha verdadeira inclusión educativa é preciso contar con profesorado especialista suficiente, que dará apoio tanto a aquel alumnado con necesidades específicas de apoio educativo coma ao resto dos seus compañeiros e compañeiras, evitando deixar atrás a ningunha persoa por mor da súa discapacidade; pero tamén que o resto do profesorado se forme e empregue na aula metodoloxías que promovan a inclusión de todo o alumnado.
A vontade do profesorado e o seu inconformismo ante o sistema actual, que conta cuns recursos insuficientes e pouco planificados, non é suficiente para a consecución da inclusión nas aulas dos centros educativos.
En palabras de Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, “queda moito camiño por percorrer”. Prieto indica de forma tallante que “aínda que a vendan como tal, a educación inclusiva non existe actualmente” e convida “a que a administración galega tome nota e cumpra a normativa, favorecendo dunha vez por todas a inclusión nas aulas”. Ademais, ante os datos que difunde anualmente o executivo autonómico neste eido, o presidente de Down Galicia insiste en que “están a chamar inclusión a algo que non o é”.
A educación inclusiva: un dereito fundamental
As sociedades avanzadas deben estar dotadas de institucións capaces de garantir o dereito a unha educación inclusiva a toda a poboación, sen excluír a ningún individuo por ningunha causa. É dicir, deben garantir, sen condicións, a inclusión educativa nos centros ordinarios coa presenza, participación e aprendizaxe de todo o alumnado.
A educación inclusiva implica cambios para dar resposta ao modelo social de apoio e atención ás persoas con discapacidade fronte ao modelo rehabilitador existente. As persoas con discapacidade non son a raíz do problema, senón que o son as diferentes barreiras coas que se atopan e as limitacións da propia sociedade para prestar servizos apropiados e para asegurar adecuadamente que as necesidades das persoas con discapacidade sexan tidas en conta dentro do sistema educativo.
A educación é un dereito fundamental e facelo efectivo esixe garantir que todos os nenos e nenas, mozos e mozas teñan acceso a un sistema educativo de calidade en igualdade de oportunidades. Un sistema que recoñeza o valor da diferenza e apoie a todo o alumnado para conseguir o seu máximo desenvolvemento.
Por este motivo, desde hai 25 anos, a Federación Down Galicia loita para que todo o alumnado acceda á educación ordinaria e participe en igualdade de condicións, contando con apoios, modificando todo aquilo que sexa preciso e propoñendo solucións ás barreiras existentes. A entidade leva anos poñendo de manifesto que o sistema educativo español é discriminatorio coas persoas coa síndrome de Down e con outras discapacidades intelectuais e vulnera o establecido nos tratados internacionais.
O dereito a unha educación inclusiva está avalado pola Convención Internacional da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que no seu artigo 24 recoñece que “os Estados asegurarán un sistema de educación inclusivo a todos os niveis para as persoas con discapacidade”. Esta Convención foi ratificada en 2008 e aprobada por unanimidade polo Parlamento e é de obrigado cumprimento en España ao ter rango de tratado xurídico internacional de Dereitos Humanos.
Recurso contencioso-administrativo contra a axuda de libros e material escolar
O pasado mes de xullo, a Federación Down Galicia presentou un recurso contencioso administrativo contra a Orde do 10 de maio de 2023 pola que se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2023/24 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
O motivo é a clara discriminación da normativa cara o alumnado que aposta pola educación inclusiva, xa que vulnera claramente os seus dereitos fundamentais.
Esta orde incorpora un réxime diferenciado e específico nas axudas dos libros de texto para, por un lado, o alumnado matriculado en Educación Especial, en centros específicos ou en unidades de Educación Especial de centros ordinarios; e, por outro, para o alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.
A Federación Down Galicia considera que a orde de axudas para libros de texto e material escolar da Xunta de Galicia vulnera varias normativas vixentes no noso país, como a mencionada Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade. Por outra banda, a normativa autonómica fomenta claramente o réxime da educación segregada, contradicindo os artigos 14 e 27 da Constitución Española e a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo existente na materia.
A diferencia de trato entre o alumnado que escolle a educación inclusiva e o que prefire a específica non ten razón de ser, xa que non está xustificada. Estase, por tanto, discriminando sen motivo o dereito do propio alumnado a recibir os axustes razoables necesarios e condicionando o acceso á educación inclusiva.