Down Ourense conmemora o Día Mundial do Síndrome de Down promovendo a sensibilización entre o alumnado

Con motivo do Día Mundial do Síndrome de Down, que se conmemora este sábado 21 de marzo, a asociación Down Ourense desenvolveu ao longo da semana actividades de concienciación e sensibilización sobre os dereitos do colectivo entre o alumnado ourensán.
Este venres, dúas usuarias do centro, Corina Álvarez e Verónica Pardellas, contaron as súas historias de vida ante o alumnado do Colexio Plurilingüe Divino Mestre da cidade, un acto que contou tamén coa participación do Director Territorial da Consellería de Política Social e Igualdade, Santiago Álvarez González. O alumnado de secundaria puido escoitar de primeira man as experiencias destas dúas mozas, que reivindicaron os dereitos do colectivo e lograron que os presentes se cuestionasen as ideas que tiñan inicialmente sobre o síndrome de Down.
Por un lado, Corina rompeu moldes compartindo o seu estilo de vida centrado na creatividade e nas artes, cun día a día marcado polo teatro, a pintura e o baile, e falando da súa experiencia como actriz na película Olvido y León.
Verónica, pola súa banda, falou da súa experiencia laboral e do seu paso por distintos postos de traballo ata conseguir un contrato indefinido. Tras 7 anos traballando no balneario Caldaria de Arnoia, este ano conseguiu un posto de ordeanza na Deputación de Ourense, despois de preparar oposicións ao mesmo tempo que desempeñaba as súas tarefas como auxiliar termal.
Ademais de escoitar estas experiencias vitais, alumnado e profesorado puideron comprender como funciona o servizo de inclusión educativa de Down Ourense e entender por que é fundamental que todo o alumnado poida participar e aprender en igualdade de condicións.
Na mesma liña, a entidade visitou tamén o pasado mércores ao alumnado do CEIP Curros Enríquez de Celanova, onde, a través dun contacontos, trasladaron aos nenos e nenas de primaria información sobre o síndrome de Down, traballando os mitos e as realidades existentes e tentando romper estereotipos e prexuízos sobre o que poden ou non facer as persoas con esta alteración cromosómica.
Desde as entidades Down Galicia destacan a importancia de iniciar a sensibilización sobre a realidade do síndrome de Down desde idades temperás. “Os nenos e nenas de hoxe serán as persoas adultas do futuro e, en boa medida, delas dependerá que a inclusión social se converta nunha realidade”, sinalan nun comunicado.
Nun momento vital como a infancia e a adolescencia, no que tanto as propias vivencias como as do entorno contribúen a formar a identidade, resulta clave transmitir á mocidade a situación de falta de oportunidades que afrontan moitas persoas con síndrome de Down debido aos numerosos prexuízos que existen sobre as súas capacidades.
Dentro dos actos levados a cabo para conmemorar este Día Mundial do Síndrome de Down, a asociación Down Ourense recibiu tamén o pasado mércores a visita do Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo Cid. Durante o encontro, o delegado tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións da entidade, así como o labor que o equipo profesional desenvolve diariamente para mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e das súas familias.
Ao longo da visita, as persoas responsables da entidade explicaron os distintos programas e servizos que ofrecen, centrados no apoio educativo, a inclusión laboral e social, a promoción da autonomía persoal e o acompañamento ao longo das diferentes etapas da vida.
Ademais, o delegado puido compartir un tempo coas persoas usuarias da entidade, interesándose polas actividades que realizan e polos proxectos que actualmente se están a desenvolver. Esta visita serviu tamén para poñer en valor o papel fundamental que desempeñan as asociacións do terceiro sector na construción dunha sociedade máis inclusiva e accesible para todas as persoas.
Estas accións están incluídas dentro dos actos que a asociación Down Ourense e o Movemento Down en Galicia levarán a cabo para conmemorar o Día Mundial do Síndrome de Down. Entre elas, e como cada ano, os principais monumentos de Galicia iluminaranse de azul e amarelo para conmemorar esta efeméride. No caso de Ourense, o ponte romano e o Pazo Provincial sumaranse a esta iniciativa.