Down Ourense inaugura o seu novo local no barrio da Ponte

Con motivo do Día Mundial da síndrome de Down, que se conmemora hoxe en todo o mundo, a asociación Down Ourense inaugurou esta mañá o seu novo local, situado no número 6 da Rúa Río Camba da cidade das termas.
O evento, conducido por dúas persoas usuarias da entidade, comezou co corte da cinta inaugural, ao que lle seguiu a visita ás novas instalacións e as posteriores intervencións institucionais.
O acto contou coa presencia de múltiples autoridades públicas, entre as que destacan o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; a Conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez; o Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos Martínez; así como outros representantes das distintas administracións autonómicas, provinciais e locais, da comunidade empresarial e educativa da cidade e de outros membros da sociedade ourensá.
Down Ourense contará a partir de agora cunhas novas instalacións nas que poderá ofrecer o mellor servizo posible ás case 100 persoas usuarias coas que conta neste momento. Sonia González, presidenta da entidade, destaca do novo local que será “un espazo onde a inclusión, as oportunidades e a autonomía serán os piares fundamentais sobre os que seguir construíndo un futuro mellor para todas as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”.
Para rematar este acto de inauguración, dous mozos coa síndrome de Down da asociación Down Ourense alzaron a súa voz para dar lectura ao Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal, co que quixeron reclamar unha sociedade máis inclusiva e poñer de manifesto a falta de oportunidades á que se enfronta o colectivo a diario. “Se somos tan parecidos, por que costa tanto incluírnos? Por que non temos as mesmas oportunidades?”, dicían ben alto e ben claro Rubén Yáñez e Javier Agudo. “Un cromosoma extra non pode ser a escusa para privarnos dos nosos dereitos”.
Deste xeito, os mozos da asociación encargáronse de desbotar mitos e prexuízos sobre a síndrome de Down, e reivindicaron unha vez máis os seus dereitos como cidadáns e cidadás de pleno dereito, incidindo na importancia da inclusión e da eliminación das barreiras existentes na contorna.
Estas accións están incluídas dentro dos actos que a asociación Down Ourense e o movemento Down Galicia levan a cabo para conmemorar o Día Mundial da síndrome de Down.
Acto central
O Paraninfo do Rectorado da Universidade da Coruña é o escenario escollido pola Federación Down Galicia e as súas entidades para conmemorar un novo Día Mundial da Síndrome de Down. Este acto, no que participan a alcaldesa da Coruña, a subdelegada do Goberno na Coruña, a directora xeral de persoas con discapacidade e a deputada responsable das áreas de Política Social, Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, entre outras autoridades, ten como principal obxectivo dar visibilidade ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e facer oír súas reivindicacións, centradas este ano na falta de oportunidades do colectivo.
Iluminación dos principais monumentos de Galicia
Un ano máis, os principais monumentos de Galicia tinguiranse de azul e amarelo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down. Así, a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, a Fonte da Rúa Aragón en Vigo, os concellos de Santiago, Ferrol e Pontevedra, a Ponte Romana de Ourense, o Teatro Jofre en Ferrol ou os edificios das Deputacións de Pontevedra e Ourense, entre outros, estarán iluminados durante estas xornadas para dar visibilidade e concienciar á sociedade neste día tan destacado.
Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da síndrome de Down. Establécese esta data, o 21 de marzo [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.
Campaña estatal #TanComoTú
Con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, as entidades Down de España lanzaron a pasada semana #TanComoTú, unha campaña na que o humor é o protagonista e que ten por obxectivo dar visibilidade á vida real das persoas coa síndrome de Down e mostrar que senten, pensan e actúan “tan coma ti, tan coma todos nós”. Deste xeito, o anuncio pretende desafiar os estereotipos sobre a discapacidade e levar á sociedade a reflexionar sobre a necesidade de construír unha comunidade máis inclusiva que conte con todas as persoas.
A campaña consta de cinco pezas independentes nas que Martín, Ramón, Lucía, Emilia e Eva representan escenas da vida cotiá que mostran que eles tamén se coan no súper, esquécense da metade da compra, toman as súas propias decisións, escriben ao seu ex ou foxen do seu xefe cando poden coincidir nun ascensor.
O emprego, o envellecemento, o dereito a unha vida independente e autónoma e o dereito para tomar as súas propias decisións son algúns dos grandes temas que se abordan en #TanComoTú.
Desde as entidades Down de España estase levando a cabo nestas semanas unha potente campaña en redes sociais convidando á sociedade a unirse á mesma co hashtag #TanComoTú e mostrar así o seu apoio ás persoas coa síndrome de Down esixindo unha sociedade verdadeiramente inclusiva.