Eduardo González Clavijo presentará no Ateneo de Ourense o seu libro ‘Como se formou esta paisaxe?’

OurenseXa
Será o mércores, 25 de xuño, na sede provisional do Centro Cultural Marcos Valcárcel
presentacion-libro-eduardo-gonzalez-clavijo
22 Jun 2025

O vindeiro mércores 25 de xuño, ás 19:30 horas, terá lugar na sede provisional do Ateneo de Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a presentación do libro Eduardo González Clavijo ‘Como se formou esta paisaxe?’, que achega unha visión accesible e actualizada sobre a xeoloxía de Galicia.

A obra pretende dar a coñecer esta ciencia aínda pouco divulgada, que se ocupa do estudo da orixe e composición do chan e da paisaxe que nos rodea, un tema que moitas veces pasa desapercibido a pesar de ser parte esencial do noso contorno diario. A través deste traballo, o autor quere achegar aos afeccionados e afeccionadas unha comprensión maior sobre o territorio galego desde unha perspectiva xeolóxica.

O autor, Eduardo González Clavijo, é xeólogo formado na Universidade de Salamanca e conta con ampla experiencia na divulgación científica desde 2013. Participa activamente no equipo de coordinación nacional de Geolodía, unha iniciativa da Sociedad Geológica de España que destaca internacionalmente pola súa labor de sensibilización sobre a importancia do patrimonio xeolóxico. Ademais, González Clavijo colaborou con diversas institucións galegas e publicou numerosos artigos sobre divulgación científica e minería histórica, especialmente sobre a extracción romana de ouro.

Esta presentación será unha oportunidade única para descubrir unha disciplina científica esencial para entender o territorio galego, coa guía dun experto comprometido coa divulgación e a protección do noso patrimonio natural.

⚙ Configurar cookies
0.16531610488892