O BNG de Amoeiro acusa á Fundación Otero Pedrayo de boicotear un acto en homenaxe a Castelao

OurenseXa
Cualifican a decisión de “incoherente e discriminatoria” e piden á Fundación unha explicación sobre os motivos da cancelación do acto
marcos-blanco-agustin-gomez-bng-amoeiro
Marcos Blanco e Agustín Gómez, BNG de Amoeiro
13 Oct 2025

O BNG de Amoeiro denunciou esta mañá o que considera un “boicot” sufrido nun acto de homenaxe a Castelao que estaba previsto celebrarse na Casa-Museo Otero Pedrayo de Trasalba. Segundo explicaron o líder local, Marcos Blanco, e o militante Agustín Gómez, a fundación que xestiona o espazo revogou a autorización a menos de 72 horas da data programada, o que obrigou a buscar un lugar alternativo para poder realizar o evento.

Blanco recordou que a autorización fora solicitada en maio e confirmada por escrito pola xunta directiva da fundación, que aseguraba que “os membros da xunta directiva da Fundación Otero Pedrayo confirman que poden utilizar o espazo sen ningún problema”.

Os nacionalistas explican que durante meses mantívose “una comunicación fluida e cordial co persoal da fundación, que incluso valorou positivamente a iniciativa”, e lamentan que apenas dous días antes do homenaxe se lles informara de que non se podía celebrar por tratarse dun acto dun partido político.

O dirixente local cualificou a decisión de “incoherente e discriminatoria”, sinalando que en abril de 2017 Novas Xeracións, a organización xuvenil do PP, realizou un acto de homenaxe a Otero Pedrayo no mesmo lugar. Por iso, di, “non entendemos que o que era válido para uns agora estea prohibido para outros. É unha decisión arbitraria e contraria ao espírito aberto e pluralista que sempre caracterizou a Casa Otero Pedrayo”.

Agustín Gómez aclarou que o acto tiña un carácter cultural e divulgativo, centrado na relación histórica entre Castelao e Otero Pedrayo, e que non se trataba dun mitin nin dun acto electoral. “Foi un acto de recoñecemento e reflexión sobre dúas figuras fundamentais da Galicia contemporánea”, indicou.

O BNG destaca que a prohibición do evento xerou “inconvenientes e improvisación”, obrigando a buscar un novo espazo en tempo récord. Finalmente, o homenaxe puido celebrarse coa colaboración da Asociación de Veciños de Bóveda, que permitiu que se desenvolvese con relativa normalidade.

Por todo iso, Blanco esixe transparencia e explicacións á Fundación, para saber se a decisión foi tomada pola dirección da fundación ou se houbo presións políticas doutros organismos. “É inaceptable que unha entidade con participación pública e que leva o nome de Otero Pedrayo se preste a prácticas de censura”, sinala, e advirte de que “censurar un acto que reivindica os valores de liberdade, compromiso e defensa de Galicia que representaron Otero e Castelao supón unha contradición co legado que se di preservar”.

Na mesma rolda de prensa, o BNG tamén abordou a situación do Centro Comunitario Cerval, que pechou tras detectarse graves deficiencias na atención aos residentes. Gómez explicou que os problemas foron denunciados por un traballador que alertou ao concello e posteriormente á policía, o que deu lugar á inspección e ao peche do centro. O BNG reclama que o concello faga pública toda a información sobre o proceso de inspección e as medidas adoptadas tras a denuncia.

⚙ Configurar cookies
0.078355073928833