O Campus de Ourense lidera un proxecto europeo para a transformación sostible das comunidades rurais

Un equipo multidisciplinar do Campus de Ourense da Universidade de Vigo encabeza o proxecto europeo Storcito, unha ambiciosa iniciativa financiada polo programa Horizonte Europa con preto de 4,9 millóns de euros, que busca impulsar a transformación sostible das comunidades rurais a través de solucións innovadoras en ámbitos fundamentais como a prevención de incendios, a mobilidade e a enerxía.
Á fronte do proxecto están Fernando Veiga, do grupo Aerolab e profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; Maribel Doval, profesora da área de Historia Contemporánea I na Facultade de Educación e Traballo Social; e María Fernández, da área de Sistemas Agroambientais na Facultade de Ciencias. Todos eles forman parte do Campus Auga, a estratexia de especialización do campus ourensán centrada no desenvolvemento sostible vinculado á auga e ao medio rural.
Desde Ourense coordínase toda a iniciativa, ademais de liderarse aspectos clave como o desenvolvemento de ferramentas avanzadas para a prevención de incendios forestais: deseñaranse índices de risco con datos xeoespaciais e sociais, e desenvolverase un sistema de pastoreo intelixente guiado por GPS con gando autóctono para reducir a vexetación inflamable. Tamén se levará a cabo unha análise sociolóxica sobre a percepción social do lume nas zonas rurais e elaborarase material educativo para concienciar sobre a súa prevención, principalmente en Galicia e Grecia.
O consorcio de Storcito está formado por once socios de cinco países europeos (España, Noruega, Alemaña, Grecia e Países Baixos), entre eles universidades como a Ruhr de Bochum, Agrícola de Atenas, Utrecht ou o Instituto de Tecnoloxía de Deggendorf; centros de innovación como Sintef AS e o Inorde; e empresas como Innogando SL (gandaría intelixente) e Nimmo AS (mobilidade sostible), ademais do municipio noruegués de Gjesdal.
O proxecto desenvolverase durante tres anos e pretende aplicar tecnoloxías disruptivas adaptadas ao entorno rural: desde sistemas de captura de carbono do aire (CCUS), ata plataformas dixitais de mobilidade baixo demanda adaptadas ao envellecemento e dispersión da poboación rural. Estas solucións probaranse en ecosistemas rurais representativos das catro zonas climáticas de Europa: atlántica, mediterránea, continental e boreal.
UN PROXECTO PARA FACER FRONTE AOS GRANDES DESAFÍOS DO RURAL
Desde a Universidade de Vigo destacan que Storcito responde aos grandes desafíos do medio rural cun enfoque integral que combina tecnoloxía, coñecemento científico e acción social, co obxectivo de empoderar as comunidades rurais e contribuír á neutralidade climática no ano 2050. Ademais de abordar os retos inmediatos, o proxecto aspira a fortalecer a resiliencia a longo prazo destes territorios, que ocupan o 83 % da superficie europea e concentran un terzo da súa poboación.
A idea de poñer en marcha Storcito, explica o equipo da Universidade de Vigo, “xorde a partir dunha convocatoria do programa Horizonte na que vimos que as solucións que se buscaban encaixaban moi ben con varias liñas de traballo que se están potenciando desde o Campus Auga, como son o uso de drons no entorno rural para a monitorización de precisión en agricultura e gandaría, as análises de solo e os métodos e modelos educativos enfocados ás sociedades rurais”. Neste sentido, destacan o profundo carácter multidisciplinar do proxecto, sinalando que se optou por reunir persoal docente e investigador de áreas de coñecemento moi diversas para poder propoñer solucións innovadoras que integren múltiples puntos de vista distintos e enriquecedores. “A combinación de tecnoloxía aérea non tripulada, análise biolóxica do solo e factores sociais e educativos é sen dúbida innovadora”, afirman.
Storcito fomentará a innovación en áreas clave e grandes retos das zonas rurais europeas, como a xestión sostible dos recursos e a prevención de incendios forestais, a transición cara a sistemas enerxéticos sostibles e o desenvolvemento dunha mobilidade sostible, inclusiva e climaticamente neutra. En concreto, o proxecto centrarase en “aterrar distintas tecnoloxías no medio rural e adaptalas a este tipo de contornos, que teñen un alto potencial de futuro e innovación”.
A primeira destas tecnoloxías serán os métodos para a prevención de incendios forestais. Nesta liña de traballo, os socios desenvolverán unha ferramenta avanzada para a análise de índices de risco de incendios, baseada en datos xeoespaciais e sociais, con precisión a escala métrica. Tamén se estudará o uso de gando autóctono guiado mediante GPS para o mantemento intelixente da vexetación rural co obxectivo de reducir o risco de incendios. O proxecto incluirá ademais unha análise sociolóxica sobre a percepción do lume nas zonas rurais e a elaboración de materiais didácticos para concienciar sobre a importancia da prevención. Esta parte do proxecto levarase a cabo principalmente en Ourense e Grecia.
A segunda tecnoloxía que se abordará en Storcito será a introdución de sistemas de captura de carbono do aire (CCUS) en áreas rurais, estudando o seu grao de aceptación social e propoñendo solucións dirixidas aos xestores rexionais. Esta liña desenvolverase sobre todo en Alemaña e Países Baixos.
A terceira liña centrarase na adaptación dunha aplicación de mobilidade baixo demanda ás necesidades específicas da sociedade rural —marcada pola dispersión poboacional, o envellecemento, etc.—, co obxectivo de fomentar unha mobilidade sostible, climaticamente neutra e inclusiva. Esta parte do proxecto estará liderada polos socios noruegueses, co apoio do equipo de Ourense.
A Universidade de Vigo, a través do Campus de Ourense, é responsable da coordinación xeral do proxecto e tamén lidera o desenvolvemento de ferramentas para a prevención de incendios: cálculo de índices de risco, guiado intelixente de gando con GPS, análise sociolóxica da percepción do lume e a creación de material educativo específico.
Para o seu desenvolvemento, Storcito seleccionou distintos ecosistemas rurais que representen as catro zonas climáticas de Europa: atlántica, mediterránea, continental e boreal. As innovacións, explican desde a organización, “deseñaranse conxuntamente cos actores rurais para responder ás súas necesidades, e avaliarase a súa viabilidade ou posibles limitacións en diferentes rexións bioxeográficas”.
Desde a iniciativa lembran que as zonas rurais acollen a un terzo da poboación da Unión Europea e ocupan aproximadamente o 83 % do seu territorio, albergando recursos naturais e ecosistemas esenciais. Cunha gran diversidade derivada das súas condicións bioxeográficas e xeopolíticas, estas zonas enfróntanse a desafíos de sustentabilidade complexos que requiren respostas innovadoras e variadas. Neste sentido, subliñan que o empoderamento do medio rural é clave para alcanzar a neutralidade climática en 2050. Por iso, Storcito non só abordará os retos inmediatos do desenvolvemento rural, senón que tamén contribuirá a fortalecer a resiliencia destas comunidades a longo prazo.